O BNG xúntase co sector do mar para tratar os problemas da frota pesqueira e o debater o modelo de xestión da lonxa

Este xoves o Bloque Nacionalista Galego mantivo varias reunións con comercializadores dos nosos produtos do mar e coa cooperativa de armadores para falar dos graves problemas que lles afectan, así como analizar as dificultades que padece a nosa frota pesqueira e os profesionais que viven do mar.

Nas diversas xuntanzas estiveron presentes o deputado no Parlamento de Galiza Daniel Rodas Chapela e os concelleiros ribeirenses Luís Pérez Barral e Xosé Antón Parada.O concelleiro Luís Pérez Barral e o deputado do BNG Daniel Rodas na reunión coa cooperativa de armadores de Ribeira.

Na xuntanza cos comercializadores analizamos a situación deste importante sector que dá traballo a miles persoas no noso país e os problemas de comercialización que están a ter por mor da política pesqueira que desenvolve a Unión Europea. Nesta xuntanza aproveitamos para analizar a realidade que vive do cerco en Galiza e o futuro da lonxa de Ribeira e as posíbeis solucións.

Xa pola tarde na xuntanza coa cooperativa de armadores, o deputado Daniel Rodas coñeceu mellor e por man dos profesionais, os problemas que lles está a ocasionar o nefasto acordo pesqueiro con Portugal á nosa frota do arrastre. Dito acordo é discriminatorio para a frota galega xa que os pesqueiros portugueses poden traballar durante as fins de semana, mentres que os galegos permanecen amarrados facendo que os días de venda máis importantes (venres e luns) o peixe dos barcos portugueses inunde os mercados.

Este acordo pesqueiro está a piques de rematar, é por iso polo que o goberno galego e do Estado español deben pelexar por facer un novo acordo non discriminatorio para Galiza e que iguale os dereitos das frotas galega e portuguesa, obrigando a ter os mesmos dereitos e condicións de traballo.

Así mesmo debemos rematar coa política de subvencións ao despece de barcos (30 millóns de € en 2015)que tanto gosta de financiar a Xunta de Galiza e o Estado español para mudar por apostar por un modelo produtivo sustentable que permita traballar dignamente.

O concelleiro Luís Pérez Barral e o deputado do BNG Daniel Rodas na reunión coa cooperativa de armadores de Ribeira.No tocante á frota do cerco, para o BNG o problema de enfrontamento entre profesionais vén dado polo interese político do PP que non está polo labor de procurar solucións. Este problema de país hai que afrontalo conxuntamente reclamando máis cota para Galiza e con outro modelo de xestión que garanta a viabilidade do sector e os postos de traballo.

Con respecto á nova lonxa de Ribeira, o BNG ve incríbel que tras gastar 17 millóns de euros nesa infraestrutura non haxa un modelo de xestión claro e que Portos de Galiza non saiba que facer. Desde o BNG propoñemos un modelo de xestión mixto da administración pública xunto sector do mar (comercializadoras, confrarías, armadores, etc). Cremos que é imprescindíbel a implicación e participación do sector para que se garanta unha administración que beneficie aos profesionais que viven do mar e que supoña melloras para a comercialización.

Sobre esta cuestión a próxima semana o parlamentario Daniel Rodas preguntaralle en sesión plenaria, ao presidente de Portos de Galiza por que modelo vai apostar na lonxa de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *