AMBAR, COGAMI e BNG xúntanse para traballar pola accesibilidade universal e favorecer un cambio de mentalidade

O Bloque Nacionalista Galego da Barbanza tivo na mañá deste xoves 3 de setembro unha xuntanza de traballo coas asociacións de persoas con diversidade funcional, COGAMI e AMBAR.

Nesta reunión de traballo tratáronse asuntos relacionados coa mobilidade e accesibilidade universal, así como as importantes eivas e problemas que existen nos concellos da nosa bisbarra no referente a esta materia. Así pois, tanto desde a delegación de AMBAR como desde COGAMI, fíxose especial fincapé no cambio de mentalidade que debe haber nos organismos públicos, nomeadamente os concellos por seren a administración máis próxima, de cara os temas relacionados coa accesibilidade e a mobilidade universal das persoas con algún tipo de discapacidade funcional e da sociedade en xeral, xa que a accesibilidade e a mobilidade é tarefa de todas/os.Xuntanza COGAMI, AMBAR e BNG. Ribeira, Barbanza.

Detalláronse os innumerables casos de barreiras arquitectónicas existentes, como por exemplo no transporte público, os numerosos obstáculos das beirarrúas desde bordillos, irregularidades no firme ou o mal mantemento que fai que sexan verdadeiras trampas inaccesibles ou que ocasionen caídas. Incidiuse tamén na mala planificación dos proxectos urbanísticos que nacen sen teren conta aspectos como a mobilidade total e universal e, noutras ocasións, nos que si se contemplan medidas de accesibilidade no proxecto pero que logo non se executa a obra con forme a estes criterios.

O BNG amosou o total e incondicional apoio ás propostas que se nos formularon e traballaremos desde os nosos concellos para dar resposta ás demandas destes colectivos e para favorecer un cambio de mentalidade. Alén disto, o BNG prestará especial atención ás obras e proxectos que se inicien desde as administracións públicas na Barbanza para que non se realicen sen teren en conta uns mínimos criterios de accesibilidade, xa que este tema non só lle afecta a persoas en cadeiras de rodas ou cegas, senón que tamén afecta a persoas maiores, crianzas, persoas con lesións temporais, etc.

Por último informamos de que desde o BNG Ribeira levará a cabo unha primeira medida neste sentido xa de cara o pleno municipal de setembro a raíz dos feitos acontecidos durante a feira ArteMar de Ribeira, na que as actividades que acolleu o novo Mercado Municipal nos seus andares superiores non foron accesibles para persoas maiores e persoas con diversidade funcional.

Agradecemos a AMBAR e a COGAMI a xuntanza mantida e mostramos a nosa disposición a seguir traballando de maneira conxunta. Desde aquí dámosvos os parabéns polo magnífico traballo que realizades, seguide así. 

Na xuntanza estiveron presentes membros das directivas entre eles; o presidente de COGAMI Anxo Antón Queiruga Vila, o presidente de AMBAR José Antonio Nóvoa Romay, o voceiro do BNG Ribeira Xosé Antonio Vázquez Cobas e o concelleiro Luís Pérez Barral, do BNG Pobra, Ramiro Ouviña e do BNG Boiro Raquel Suarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *