Proposta do BNG para retribucións e soldos no Concello de Ribeira

O BNG entregou esta proposta dialogable no Rexistro Xeral do Concello de Ribeira co fin de chegar a un acordo cos grupos municipais da Corporación Municipal.Luís Pérez Barral, Pilar Sampedro Laranga, Xosé Vázquez Cobas e Antón Parada Fernández. Concelleiros BNG Ribeira

Retribucións

Alcalde: o soldo do alcalde cumpre a legalidade vixente na que se estipula o tope de 55.000€/brutos anuais para concellos cunha poboación entre 20.001 e 50.000 persoas.
Desde o BNG Ribeira consideramos que o traballo que exerce calquera persoa debe ser remunerado dignamente, quer no sector privado quer administración pública. Malia todo, a situación de recortes en dereitos e prestacións promovidas polo Partido Popular lévanos a considerar que a rebaixa do 2% (1.000€) proposta é insuficiente xa que a austeridade que lle impoñen ao pobo, non a aplican sobre si mesmos, polo que recomendamos unha rebaixa maior que podería ser destinada para ter unha media dedicación ou para engrosar o Fondo de Emerxencia Social.

1ª Tenente alcalde: fixaríase unha dedicación exclusiva cun soldo de 31.593€ brutos anuais ou ben podería dividirse en dúas medias dedicacións.

Indemnizacións a membros de Corporación Municipal

Para os e as concelleiras sen dedicación exclusiva, a proposta do BNG é a seguinte:

Xunta de Goberno Local30€/sesión
Xunta de voceiras/os30€/sesión
Comisións informativas15€/sesión
Comisións especiais de seguimento12€/sesión a certificar pola secretaría xeral
Asistencia a Pleno Municipal90€/sesión
Órgano consultor de Goberno Municipal e Coordinación de Delegacións135€/mes

Persoal Eventual

No BNG consideramos que non é preciso ter tres persoas de confianza para que o Concello de Ribeira funcione correctamente polo que a nosa proposta é ter un único cargo de confianza cun soldo entre 25.000€ e 30.000€ anuais tal e como está estipulado na Relación de Postos de Traballo (RTP) do Concello de Ribeira.

Grupos Municipais

No BNG defendemos que os representantes do pobo deben ter uns medios mínimos para poder realizar un correcto traballo de fiscalización ao goberno. Na actualidade os grupos municipais non teñen medios humanos e moi poucos medios materiais para facer este traballo.

Cremos que os grupos municipais verían mellorado o seu rendemento e os seus medios cunha achega de 600€/mes + 50€/concelleir@. Malia isto, o BNG ten unha clara vocación de servizo público e un traballo altruísta ao servizo da xente, polo que se non se considera oportuna dita cantidade neste intre, propoñemos que a achega se conxele tal e como está na actualidade (400€/mes + 50€/concelleir@).

Beneficio social e aforro económico

Esta proposta do BNG-AA crearía un goberno eficaz e resolutivo no Concello de Ribeira e alén da mellora organizativa, suporía un aforro económico de 100.000€ anuais aproximadamente que poderían ser destinados a un Fondo de Emerxencia Social co que cubrir as necesidades máis urxentes de moitas veciñas e veciños que están nunha difícil situación como poden ser desafiuzamentos, pobreza enerxéctica (electricidade e gas) ou alimentación.

Ribeira, xullo de 2015

Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *