Un PP soberbio, incapaz de negociar, fai fracasar a organización do concello

Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas expresa que non houbo pactos previos entre outras forzas e o BNG para favorecer a aprobación da proposta de soldos e indemnizacións presentada polo PP, no pleno extraordinario celebrado o martes 7 de xullo. O voto negativo do BNG á proposta do PP deciduna a asemblea de militantes e simpatizantes do BNG-AA polas seguintes cuestións:

A proposta do PP era continuísta xa que non presenta novidades con respecto ao mandato pasado, xa que, no mandato anterior o goberno tiña 5 persoas a tempo completo (3 cargos políticos e 2 persoas de confianza) e agora quere seguir tendo 5 persoas a tempo completo (2 cargos políticos e 3 de confianza).
A proposta tiña os seguintes soldos:

PostoSoldo
Alcalde54.000€ brutos ao ano
1ª Tenente alcalde31.593 brutos por ano
Secretario/a persoal de alcalde26.139€ por ano
Asesor de prensa do concello30.275€ por ano
Coordinador/a de Servizos Sociais18.823€ por ano

O único cambio co mandato anterior é que o alcalde baixa de 55.000€ a 54.000€ o seu soldo e, segundo o PP, estas 5 persoas son o mínimo para poder traballar porque xa non ten 13 concelleir@s, pero daquela por que tiña 5 persoas cando tiña no mandato anterior 13? Non traballaban?

Outro dos problemas é que era unha proposta inmobilista porque desde o BNG queríamos que se votase por separado, os soldos de alcalde e tenente alcalde, as persoas de confianza e por último as asignacións a grupos municipais, mais o PP negouse a aceptalo.

Proposta do BNG:Grupo Municipal do BNG. Concelleiros BNG Ribeira.

O resultado das urnas tras o 24 de maio deixou unha corporación plural e sen maiorías absolutas polo que entendemos que a veciñanza de Ribeira dixo que quería un goberno dialogante e onde as decisións fosen plurais e consensuadas.
Ao noso entender é preciso máis participación, diálogo e transparencia.

Proposta do BNG respecto a soldos e indemnizacións:

Reducir un cargo político e un cargo de confianza, deixando as dedicacións de alcalde e 1ª tenente alcalde e 1 de confianza; secretario/a ou secretario-asesor de prensa todo nunha soa persoa.
Tamén propoñíamos unha redución das indemnizacións de concelleiras/os sen dedicación exclusiva pasando de 800€ que percibían de mínimo no mandato 2011-2015 a 390€ ao mes.

Estas reducións conseguirían un aforro anual de máis de 100.000€ que destinaríamos a un Fondo de Emerxencia Social para atender as necesidades máis urxentes (alimentación, electricidade, gas, desafiuzamentos) das familias que teñen unha situación moi difícil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *