O BNG aposta pola unión do voto para a transformación das prioridades políticas de Ribeira

Luís Pérez Barral, Pilar Sampedro, Xosé Antonio Vázquez Cobas, Xosé Antón Parada. Concelleiros BNG RibeiraAnte a situación política actual no Concello de Ribeira, o Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas quere facer as seguintes apreciacións:

- O BNG – AA, como segunda forza política neste concello, fixo unha rolda de contactos entre as distintas formacións políticas para artellar un posíbel cambio no goberno e desaloxar o Partido Popular do poder tras máis de 25 anos de maiorías absolutas. A nosa organización estivo e está disposta a ser xenerosa para posibilitar unha transformación das prioridades políticas e, se do BNG depende, o PP non gobernará o Concello de Ribeira.

- O BNG é unha organización política asemblearia, onde afiliados/as e simpatizantes son os encargados da toma de decisións, sen que estas veñan impostas de fóra.

- O BNG tivo coñecemento a través dos medios de comunicación, e non por canles formais, de que durante a semana pasada houbo unha rolda de contactos paralela entre PSOE, IPR e Cidadáns á cal non se convidou a dita organización. Desde o Bloque “lamentamos que estas tres formacións exclúan premeditadamente a 2ª forza política de Ribeira, unha actitude e uns feitos ilóxicos, tendo en conta que o BNG sempre informou, con total honestidade e responsabilidade, dos contactos que realizaba con outras organizacións políticas”. Así mesmo, consideran que “resulta paradoxal que antes das eleccións Cidadáns pedise un cambio que, tras o 24-M non está disposto a apoiar. Lamentamos que Cidadáns engane a veciñanza de Ribeira dicindo unhas cousas antes das eleccións para finalmente apoiar o Partido Popular”.

Proposta do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas:

  1. Apostamos e traballaremos pola unión do voto das organizacións políticas que queiran un cambio real en Ribeira. Este cambio pasa pola opción máis lóxica e natural, que é o apoio á investidura de Xosé Antonio Vázquez Cobas como futuro alcalde do Concello de Ribeira, por ser quen encabeza a candidatura máis votada e con máis representantes tras a do Partido Popular.

  2. De non ser posíbel este cambio, o BNG traballará nun acordo de mínimos entre as distintas formacións onde se contemple:


    A) Darlle prioridade ás necesidade e atención ás persoas por riba do cemento.
    B) Redución do malgasto e dos privilexios que fai o Partido Popular.
    C) Democratización do Concello, promovendo a participación veciñal.
    D) A transparencia na xestión e a publicación de información relevante.



  3. Vídeo rolda de prensa

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *