Candidatura do BNG – Asembleas Abertas Ribeira 2015

Candidatura BNG Ribeira 2015

A candidatura do BNG – Asembleas Abertas é un equipo con persoas de recoñecido prestixio, non militantes e moita mocidade que rematarán co malgasto, o amiguismo e o escurantismo. Unha candidatura capacitada para coller o mando de Ribeira e lograr transformar as políticas municipais, establecendo como eixos centrais a transparencia, a participación, a reactivación económica e o impulso dos servizos sociais.
O BNG entrará no Concello coa xente, abrindo as fiestras para ventilar ese cheiro a podre que leva 30 anos asolando a casa dos ribeirenses, para poñela ao servizo do pobo.

1. Xosé Antonio Vázquez Cobas
Veciño de Carreira nado 1957.

É Concelleiro e voceiro municipal do BNG. Licenciado en Xeografia e Historia, especialidade Historia Contemporanea na USC. Tamén se dedicou á artesanía de cerámica, alfareiro-ceramista. Actualmente traballa no Instituto Náutico Pesqueiro de Ribeira.
No ámbito social, foi socio fundador e presidente da Asociación Cultural Altofalante, continuando hoxe en día como socio. Tamén participou na constitución da Asoc. de Veciños de Carreira, da que foi vogal na primeira directiva.
É un membro activo dentro da plataforma da Sanidade Pública da Barbanza da que colabora e axuda desde a súa constitución. Participa doutras plataformas veciñais e reivindicativas.
Leva ás costas máis de 10 anos de militancia.
Afeccionado á música tradicional galega, é alumno de gaita.

2. Luís Antonio Pérez Barral
Ten 24 anos e no mes de maio fará os 25. É de Ribeira pero criado desde sempre en Artes polo que sempre se considerou de alí. Está rematando os seus estudos de Lingua e literatura galegas (filoloxía galega) cun mínor de Lingüística Xeral na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente está facendo o traballo de fin de grao sobre o fenómeno lingüístico da gheada.

Ten traballado de camareiro, de monitor de ocio e tempo libre e ten dado clases particulares. Tomou posesión de concelleiro do BNG con tan só 21 anos, sendo un dos concelleiros máis novos de Galiza. É membro da Comisión Permanente de Galiza Nova onde exerce de responsable de Política Institucional.
É afaccionado á pintura e á fotografía.

3. Pilar Sampedro Laranga
Nada no ano 1965. Veciña de Palmeira.

Mariscadora a pé desde hai máis de 12 anos. É autónoma e tamén ten traballado como camareira.
É titulada superior na Formación Profesional nas especialidades de Administración de Empresas e Electricidade. No sector martítimo, a candidata posúe a práctica totalidade de certificacións e titulacións requeridas: patrona polivalente, patrona portuaria, pescadora e mariñeira capacitada para buques petroleiros e mariña mercante.
Pilar é independente, mais sempre estivo vencellada ao BNG desde a súa constitución, malia que diversas cuestións laborais lle impediron a militancia activa. É unha persoa moi comprometida co país e co nacionalismo galego.

4. Xosé Antón Parada Ferández
Nado en 1952 en Moaña e ribeirense desde hai décadas, é veciño do Touro.

Entrou en contacto co nacionalismo a finais dos anos 60. Integrouse na Frente Cultural. Formaría parte da UPG, ERGA, ANPG, BNPG e por último coa constitución do BNG, pasaría a militar nel.
Traballou en asociacións de veciños/as e asociacións culturais como; O Eixo, O Galo, Xoves Culturais do Barbanza (sendo presidente). Actualmente é socio de Altofalante.
Sindicalmente pertenceu á UTEG e actualmente está sindicalizado á CIG-Ensino, do que foi liberado durante dous anos.
É concelleiro e traballa no I.E.S. da Pobra do Caramiñal.
Posúe unha ampla formación académica:
-Licenciado en Filosofía e Teoloxía pola Universidade de Salamanca, licenciado en Linguas Clásicas pola Universidade de Santiago (USC). Experto en Filoloxía Paleosemítica. Con Cursos pola Universidade Autónoma de Barcelona e Sorbonne V de París.
-Publicacións en revistas como “Biblica” (Roma), “Olisbos”, “A Candea”, “Esculca” e “A Nosa Terra”, ”Principia Morphologica et Syntactica Graeca” (Santiago de Compostela, 2001). Tese de doutoramento: “O tratado ‘De Alchimia’: Unha falsa atribución a Albertus Magnus Ratisbonensis. O problema da autoria nas obras alquímicas medievais”.
Actualmente está a preparar unha edición coa traducción galega do Código de Hammurabi desde o acádico directamente ao galego.
Amante da cociña.

5. Elvira Blanco Pérez
Ten 22 anos aínda que fai 23 este mes. É natural de Olveira.

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e é Licenciada en Bioloxía. Actualmente está rematando un Mestrado de profesorado en Lugo.
No mundo social é unha activista pola lingua e é a Responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca da Barbanza.
Esta moza independente defende unha política ecoloxista de carácter transversal, considerando a conservación do medio natural como elemento clave para o desenvolvemento endóxeno.

6. Alberte Paz Calo
Ten 21 anos e é de Carreira. Desde os 8 anos forma parte do grupo de ballet galego Aires de Dorna, e sempre sentiu interese pola cultura e a lingua galega. É por isto que forma parte da Asociación Cultural Altofalante, na que traballa pola defensa da cultura popular desde hai 3 anos.

Actualmente está rematando o Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo. Foi na cidade de Pontevedra onde iniciou a súa loita a nivel estudantil, desde a Liga Estudantil Galega, con tan só 18 anos, após a implantación do Boloña e dos recortes en ensino.
Despois dun ano pasou a formar parte do BNG, participando no movemento xuvenil desde Isca!, organización da que tamén forma parte.
É un amante do cinema, do deseño gráfico e das artes visuais.

7. Dores Vidal Peón
Militante do BNG desde os 16 anos, naceu na primavera do 77, é de Banda ao Río. Concelleira do BNG. Traballa no ámbito da normalizaciôn lingüística, ademais é técnica especialista en Turismo e con estudos de filoloxía Inglesa.

8. Carlos Lixó Gómez
É de Carreira e ten 23 anos. Graduouse en Historia (2009-2013), sendo Premio de Fin de Carreira da Xunta de Galiza e Premio Extraordinario do Grao en Historia da USC. Realizou o Máster en ensino secundario. Ten un contrato predoutoral para a elaboración da súa tese en curso, O xurdimento dos castelos na Galiza medieval (ss. VIII-XIII), o que lle permitirá traballar como investigador durante tres anos no Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC. En 2013 foi bolseiro do Proxecto Toponimia de Galicia para recoller os pequenos nomes que cobren o arquipélago de Sálvora.
É portavoz da Asociación Cultural Altofalante e membro da Asociación de Veciños de Carreira, coa que colabora desde a súa fundación. Fai ballet galego no grupo Aires de Dorna e toca a pandeireta, a gaita e a bandurra. As súas grandes paixóns son a súa parroquia e o seu canciño Bárbaro.

9. Silvia Varela Rodríguez
Ten 37 anos, vive en Bretal, aínda que naceu en Ribeira. É licenciada en Dereito cun Máster en Prevención de Riscos Laborais e traballa actualmente na CIG.

O seu contacto co nacionalismo comezou nos CAF (actualmente Comités), e desde entón puido entender os problemas do país, da lingua, dos traballadores e das traballadoras, e aqueles que como mulleres teñen na sociedade na que vivimos, e iso fixo que se comprometera politicamente para poder mudar esa realidade. Comezou a militar no BNG con 19 anos a través de Galiza Nova, sendo tamén Responsábel Comarcal da mesma. Actualmente forma parte da directiva da Asociación Cultural Altofalante.
É nai de dous nenos e o seu tempo libre está adicado a eles a xornada completa, pero gusta de ler e escribir, facer actividades ó aire libre e, cando se pode, viaxar.

10. Alexandre Ríos Batista
Veciño da parroquia de Olveira aínda que nacido no ano 1994 na vila mariñá de Burela (Lugo). Estudante de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa na Universidade da Coruña. Estivo íntimamente ligado á hostelaría turística local desde pequeno, traballando nunha empresa familiar do sector. Pula decididamente pola dinamización do turismo local da pequena empresa respectuosa coa cultura e o medio. É o responsable Comarcal de Galiza Nova e no seu tempo de lecer gusta de estudar historia e de practicar a natación.

11. Vicente Paz Carou
Nado en 1948 e veciño de Artes. Licenciado da mariña civil na especialidade de máquinas exercendo este traballo durante a 3ª parte da súa vida até aprobar unhas oposicións para ser mestre de ensino secundario até o seu retiro.

Membro da asociación Altofalante, Monte Pindo Parque Natural e de varias ONG’s como Intermon Oxfam ou Médicos sen Fronteiras.
Actualmente é responsable local do BNG e colabora activamente coas plataformas de emigrantes retornados e coa plataforma en defensa da sanidade pública.

12. Teresa Prol Castro
Veciña de Aguiño e traballadora da conserva. É unha muller intimamente ligada ao BNG desde hai anos. Fiel defensora dos dereitos da clase traballadora e socia de Altofalante.

13. Carlos Manuel Callón Torres
Ten 36 anos, é natural dos Areeiros, Castiñeiras. Traballa como profesor de Lingua e Literatura Galegas en secundaria e é membro do grupo de investigación Lingüística e Literaira, da Universidade da Coruña.

É presidente de Honra da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza), entidade que presidiu entre 2002 e 2014. Na súa defensa da lingua chegou mesmo ao Parlamento Europeo denunciar a vulneración dos dereitos lingüísticos. Tamén foi concelleiro do BNG en Ribeira.
Publicou seis libros, entre os cales salientan o manual Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e a pesquisa Amigos e sodomitas (premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias).
A literatura e a psicanálise son dúas das súas grandes paixóns.

14. Marta Varela Rodríguez
Unha muller de 37 anos, Licenciada en dereito, traballa de asesora xurídica.

Milita no BNG dende os 20 anos, traballou na universidade cos Comités Abertos Facultade, foi tesoureira do Consello da Xuventude de Galiza e foi Concelleira do BNG no noso Concello.
A súa grande paixón son os animais, motivo polo que colabora facendo de casa de acollida temporal, ten animais adoptados e é voluntaria na asociación Abeiro pola protección animal.

15. Xabier Vidal Peón
Naceu en Ribeira hai 34 anos. Veciño de Bandaorrío.

Diplomado en Relacións Laborais pola USC, actualmente traballa de Graduado Social en Sampedro e Vidal Asesores da que é socio fundador.
De novo foi militante de Galiza Nova e dos Comités Abertos de Estudantes no Instituto Nº 1. Agora do Bloque Nacionalista Galego do que é membro do Consello Local.
É tesoureiro e socio fundador da Asociación Social e Cultural de Bandourrío, asociación que procura a defensa dos intereses do barrio e promover e recuperar as tradicíóns populares.
Tamén é socio da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, e da Mesa pola Normalización Lingüística.
Un apaixoado dos deportes gústalle o mar, a bicicleta de montaña e tamén o ping-pong.

16. Ánxela Suárez Millán
Veciña de Artes independente. Mestra de primeira Ensinanza pola Escola de Santiago e Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de La Laguna.

Traballou a maior parte da súa vida como docente.
Agora xa xubilada adica o seu tempo a distintas tarefas: agricultura ecolóxica, actividades de voluntariado e en diversas asociacións, pintura, etc…

17. Domingos Casais Gude
Ten 53 anos, é un independe residente en Castiñeiras.

Dende pequeno afeccionado ao fútbol, onde formou parte como xogador do Carreira Clube de Fútbol dende a sua fundación.
Gran afeccionado á música tradicional. Empresario desde hai 25 anos onde actualmente rexenta a Librería Brétema dando servizo de prensa, revistas e flores no Hospital da Barbanza. Experto en Venta Online e gran coñecedor do mundo da informática.

18. Aurea Santiago Andrade
Leva militando no BNG dende a súa mocidade e loitando polos dereitos dos traballadores/as e do pobo galego. Desde hai máis de 15 anos comprometeuse na causa do pobo saharauí acollendo nenos e nenas refuxiadas nos campamentos alxerinos. Ademais disto ten un negocio na praza de Palmeira.

19. Xaquín A. Maño Sanmiguel
Antigo militante nado en 1938, vive no Caramecheiro. É unha das persoas que máis anos leva traballando polo nacionalismo en Ribeira e mesmo chegou a sufrir persecución por iso. Militante do BNG desde a súa fundación. Traballou de maior de máquinas e agora xubilado gústalle pasar o seu tempo lendo bos libros ou dando un paseo pola beira do mar.

20. Mª Cruz Rivadulla Márquez
De Oleiros, unha licenciada en Químicas e profesora de ensino superior xubilada. Colabora con distintas organizacións sociais como Renacer e Unicef tamén colabora cos servizos sociais do concello.

Defensora da natureza e dos animais. Cre que existe un mundo mellor e que se pode conseguir defendendo os dereitos humanos.

21. Xosé Plácido Betanzos García
No posto de honra, un cariñoso e coñecido veciño, nacido en Palmeira en 1952. Profesor de tecnoloxía no IES Leliadoura de Ribeira.

Un dos referentes no nacionalismo na nosa localidade foi voceiro do BNG entre os anos 1992 e 2002 ecandidato a alcaldía de Ribeira nos anos 1995 e 1999.
Gañador do 1º premio do 3º certame Valle-Inclan da Pobra do Caramiñal co relato Santiago García “O laverco”. Gañador do 1º premio de relatos na emigración co relato “fendas” realización do guión para o documental sobor a historia de Ribeira “recordos da ardentía”.
Colaborou como entrevistador co xornal La Voz de Galicia. Tamén ten publicado un relato chamado “Coiteladas na Alma” baseada na emigración Barbanza nos primeiros anos do século XX en Nova Iork. Afeccionado á escritura como xa se puido comprobar, tamén é un amante das camiñatas e do automobilismo deportivo.

Suplentes:

22. Isabel Sampedro Romay
Moza de 31 anos. É independente e reside en Corrubedo.

Actualmente está no desemprego mais ten traballado nas fábricas de peixe tanto de conserva como de conxelado.
É unha apaixonada polos animais, polos nenos, persoa directa e amante da natureza.

23. Daniel Couto Argibay
Mozo independente de 19 anos. Está estudando segundo de bacharelato no IES nº1 e ten en mente estudar baixo eléctrico no ámbito de jazz no conservatorio superior de A Coruña. Fillo de pais obreiros, comezou a interesarse pola política hai un par de anos, ao ver a situación de inxustiza actual. Gústanlle os deportes e as artes marciais. Dorneiro profesional, forma parte de dous grupos musicais a nivel local, Espazo en Branco e Sentido Común.

24. Vanesa Casais Rivas
Moza independente. Naceu en 1987 en Castiñeiras (Ribeira), fixo ciclo medio de Comercio e Marketing no Leliadoura. Ten traballado de dependenta nunha zapatería, caixeira nun supermercado e agora leva máis de 7 anos no sector da telefonía.

Neste intre, está estudando pola súa conta e vai facer o exame de acceso a Ciclo Superior para sacar un novo título.
Nacionalista galega e amante do noso idioma e país. Defende a Galiza, a cultura e o idioma.
As súas afeccións son: participar en seráns e foliadas tocando a gaita e aprendendo calquera outro instrumento que se lle poña por diante: cunchas, culleres, botella de anís, tambor…
Tamén fai manualidades, bisutería en cristal.

25. Borja Outeiral Novo
Ten 27 anos. É de Ribeira pero pasou moitos findes e veráns xogando pola parroquia de Castiñeiras. Este mozo independente, ten o título en Técnico Superior en Desenvolvemento de Aplicacions Multiplataforma (DAM) e esta a piques de sacar o de Técnico Superior en Desenvolvemento Web (DAW). Colabora con novos emprendedores axudándolle a sacar adiante os seus proxectos web. Subsiste economicamente grazas os traballos exporádicos que lle xurden en diferentes ámbitos laborais (hostelería, limpeza, deseño).

Formou parte da dirección dos antigos colectivos LGBT CGC e Aturuxo ata a súa “disolución”.
Desfruta moito dos paseos cos cans, a lectura e todo o que teña que ver ca tecnoloxía.

26. Xulio Vázquez Andrade
Un mozo independente de 19 anos que vive no lugar de Vixán (Carreira). Comezou este ano a carreira de Enfermaría, as súas paixóns son o fútbol e a música. Actualmente é xogador do Xuventú Aguiño e integrante dun grupo de rock and roll local.

Ligazóns:
Vídeo resumo e escolma do traballo 2011-2015
Vídeo electoral: Ribeira, depende de nós

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *