O BNG esixe explicacións pola desfeita ambiental na praia do Castro

O BNG Ribeira demanda explicacións ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e ante o Concello de Ribeira pola desfeita ambiental feita con maquinaria pesada no areal do Castro en Castiñeiras.

Álbum de fotografíasVídeo da rolda de prensa
Praia do Castro. Castiñeiras. BNG Ribeira

O Decreto 9/2014, do 23 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galiza ten como finalidade restaurar e manter unha poboación viable de dita especie, así como desclasificala da categoría de vulnerable do Catálogo galego de especies ameazadas. Para elo, establece unha serie de propostas que se concretan nunhas normas de protección da especie e do seu hábitat.

O ámbito de aplicación desde decreto está constituído por:

a) Áreas de distribución potencial, aquelas que reúnen as características dos areais de cría coñecidos, no que concirne a lonxitude, largura, vexetación e grao de urbanización.

b) Áreas de presenza, nas que a presenza de exemplares foi regular nos últimos anos

c) Áreas prioritarias de conservación, as cales resultan vitais para a supervivencia e recuperación da especie, pois inclúen os enclaves de refuxio, celo, reprodución e alimentación utilizados pola especie en diferentes estacións

Vicente Paz, Xosé Vazquez Cobas, Elvira Blanco, Luís Pérez Barral. Praia Castro Castiñeiras. BNG Ribeira.

Neste Plan de protección inclúense numerosas praias do municipio; Balieiros, Corrubedo, Couso, Aguiño, Castro, Coroso e A Corna, coas categorías de áreas de presenza e áreas prioritarias de conservación.

O reducido de exemplares converten á píllara das dunas nunha especie altamente vulnerable fronte a acontecementos demográficos ambientais. As principais ameazas para a especie e hábitat, tanto no período reprodutivo (de marzo a xullo) como no invernal son:

A destrución e a alteración do hábitat (construción de diques, embarcadoiros, paseos marítimos, casas, desenvolvemento turístico…), perturbacións humanas (tráfico de vehículos, tripamento, prácticas deportivas acuáticas, predadores domésticos…) ou a limpeza mecanizada das praias (tránsito de tractores e/ou peneiradoras e a limpeza non selectiva), entre outras.

Praia do Castro. Castiñeiras. Ribeira

Tendo en conta isto, o Plan establece unha listaxe de actuacións de prioridade alta, entre as que destacan a protección dos niños, o control de depredadores, a eliminación de alteracións da zona de dunas, así como actuacións de educación ambiental e participación social.

Respecto das medidas de conservación e manexo do hábitat, dirixidas á eliminación de alteracións da zona de dunas, establécese que “as autoridades competentes promoverán medidas para eliminar a aparcadoiros, pistas ou infraestruturas que degraden o cordón de dunas e lograr o restablecemento da vexetación orixinal das zonas degradadas”.

Este Decreto busca tamén promover os labores informativos e de educación ambiental dirixidos á poboación residente, o turismo, os sectores relacionados coa promoción de actividades de índole turística, voluntariado e estudantes. Inclúese así o desenvolvemento de campañas de sensibilización ambiental nos centros educativos dos concellos que contan con áreas de presenza da especie, como é o caso de Ribeira.

Así mesmo, considérase que a colaboración dos concellos é fundamental. Por elo, recompensarase dita colaboración mediante a entrega da “bandeira de concello colaborador na protección das especies ameazadas de Galiza” mais o goberno de Ribeira ten un nulo interese pola conservación e a educación ambiental.

Nas últimas semanas véñense realizando unhas actuacións nas inmediacións da praia do Castro, na parroquia de Castiñeiras, incluída no Plan como unha área de conservación prioritaria da píllara das dunas. Estes traballos que se adoitan facer con asiduidade, como a canalización inútil do río, supoñen un custe económico importante para as arcas públicas que degradan o ambiente natural. Ademais ditas obras alteraron notablemente o cordón dunar, e tamén a vexetación en que a píllara realiza as súas postas, o que supón un forte impacto ambiental, pois trátase do período reprodutivo desta vulnerable especie.

Ante o exposto anteriormente preguntamos:

1. Que actuacións se están a facer na praia do Castro, na parroquia de Castiñeiras?

2. Realizouse un plan de avaliación ambiental para dita obra?

3. Avaliouse o seu posible impacto sobre a píllara das dunas?

4. Por que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza permite accións que alteran o hábitat da píllara?

Consulta o documento completo: Solicitude Íntegra
Vídeo da rolda de prensa: O BNG denuncia a desfeita ambiental da praia do Castro de Castiñeiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *