Manuel Ruiz Rivas cústalle á cidadanía ata 88.000€ ao ano

Segundo os datos oficiais no primeiro trimestre de 2015, a cifra de desempregados/as en Ribeira ascende a un total de 2.100 persoas, deixando un panorama que lonxe de ir a mellor, como predican membros do goberno, empeora. Para alén do desemprego, a gravidade é aínda moito maior tendo en conta as máis de 2.000 persoas que tiveron que marchar do noso concello, vítimas da forte emigración que padecemos en Galiza en xeral e Ribeira en particular. Trátase maioritariamente de mozas e mozos que marchan na procura dun futuro incerto lonxe do seu país, por mor das fracasadas políticas nas que o Partido Popular insiste.Salario alcalde de Ribeira

Desde o Bloque Nacionalista Galego vimos denunciando sistematicamente a incapacidade deste goberno local de aplicar medidas que contribúan a rebaixar a cifra de paro no noso municipio. Ademais da súa parálise, denunciamos o veto reiterado e partidista a todas as medidas e propostas que lle facemos desde o BNG, medidas que poderían supor unha importante mellora para a veciñanza.

Á vista da crítica situación que padecen moitas veciñas e veciños, é inmoral que o máximo responsábel a nivel local, o alcalde Manuel Ruiz Rivas, estea ocupando dous cargos públicos a un tempo, cun custo para a cidadanía de 75.000€ ao ano. Esta cifra, ademais, non é fixa senón pode aumentar até os 88.000€ se o rexedor cumpre con todas as obrigas e asistencias aos órganos dos cargos aos que pertence (xa que se trata en ocasións dun diñeiro ingresado en función á asistencia a plenos, comisións e xuntas de goberno), sen contar as dietas ás que pode acceder a maiores en concepto de transporte. O alcalde, cobrando a dúas mans da Deputación da Coruña e do Concello de Ribeira, négase, por exemplo, a crear un fondo de emerxencia social para as persoas máis necesitadas mentres el pode cobrar até 6.000€ mensuais.

Desde o BNG defendemos un salario digno para as persoas que desempeñan cargos públicos a tempo completo, por seren traballos que requiren tempo e dedicación e porque as institucións públicas deben dar exemplo cunhas condicións laborais xustas nas súas contratacións. Porén non defendemos nin defenderemos este tipo de estratexias antisociais escuras e inmorais do Partido Popular e en particular de Manuel Ruiz Rivas, de ocupar varios cargos co fin de aumentar o seu beneficio persoal.

Cargo…......................................................................Retribución ou soldo
Alcalde de Ribeira…................................................. 55.000€/ano
Asistencia a plenos da Deputación…...................... 591€/mes (1 ao mes)
Membro da comisión Cultura….............................. 370€/sesión
Membro da comisión Facenda…............................. 370€/sesión
Membro da comisión Benestar Social…................. 370€/sesión
Membro da comisión Promoción Económica…..... 370€/sesión
Xunta de Goberno da Deputación…....................... 370€/sesión (2 por mes)

Cando o BNG chegue á alcaldía comprometémonos a baixar o soldo do alcalde, a facermos públicos e transparentes anualmente todos os ingresos do mesmo e as súas orixes, e a non comportarse de xeito proselitista e orientado ao enriquecemento persoal como si se fai desde o actual goberno.

Tamén asumimos o compromiso de realizarmos, dentro das nosas posibilidades, as seguintes medidas (entre outras moitas) pola promoción do emprego e a loita contra a emigración que xa presentamos no pleno do Concello (e ante as que recibimos sempre unha rotunda negativa):

- Bonificacións fiscais para a xeración de emprego
- Dotación de chan industrial
- Plans estratéxicos de emprego, de comercio e de turismo
- Prioridade na contratación de persoal censado no concello
- Potenciamento da formación

Documento acordos da Deputación: Deputación da Coruña

Asinado: Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira

One Comment on “Manuel Ruiz Rivas cústalle á cidadanía ata 88.000€ ao ano”

  1. Esto é flipante non ten vergonza. está ahí para encher os bolsillos a mancheas e os que estamos no paro temos paga reducida (con sorte) outros xa non a teñen porque a acabaron

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *