Deficiencias e queixas do novo Mercado Municipal, aínda está sen acabar

O novo e moderno edificio que albergará o futuro Mercado Municipal de Ribeira, antes de tan sequera abrir, xa está a ser obxecto de críticas por parte das súas futuras ocupantes, as praceiras e praceiros.Luís Pérez Barral, Antón Parada Fernández, Xosé Antonio Vázquez Cobas. Mercado Municipal Ribeira. BNG

Estas críticas nacen polas deficiencias que se detectaron nunha recente visita. Como é que un edificio que nin abriu xa ten carencias? Isto débese á pouca participación coa que o equipo de goberno realiza os proxectos e obras. No canto de avaliar as necesidades e facer un proxecto en función a elas, fai todo ao revés, presenta un proxecto que comeza a obrar para logo intentar arrombar as necesidades, co que a funcionalidade do edificio diminúe.

Tras unha xuntanza coas comerciantes do Mercado Municipal, o BNG coñeceu de primeira man as queixas. Puidemos constatar que o equipo de goberno ignora as súas peticións, tan necesarias para que o investimento que se está facendo nese edificio, responda ás esixencias do seu traballo e sexan unhas instalacións funcionais e cómodas.

A principal queixa que se nos trasladou foi o escaso espazo dentro dos mostradores que lles impedirá traballar con comodidade, no cal non poderán deixar caixas nin obxectos e deberá estar libre para o paso doutras compañeiras e compañeiros cara os seus postos. Todo isto suporá continuas molestias no traballo das praceiras e praceiros.

Tamén é patente a falta de espazo na primeiro andar e a redución que van sufrir tódolos postos ao teren que xuntarse máis de 17 puntos de venda de peixe, carne, froita, flores, vestiarios, escaleiras mecánicas, corredores, ascensor, etc.

As traballadoras/es do Mercado Municipal, teñen moita preocupación polo futuro supermercado que se pretende instalar na 2ª planta, ao que non se lle prohibirá vender os produtos que se comercializaren no 1º andar. Isto implica unha grave competencia ás vendas dos nosos produtos frescos locais. Tamén houbo indignación co alcalde xa que ante esta queixa o rexedor só lles dixo que se tiñan que amolar porque estamos no “libre mercado“.

Por todo isto o BNG Ribeira solicita do pleno da corporación municipal a aprobación dos seguintes ACORDOS:

1. Que o Concello de Ribeira estude as maneiras de dotar de maior espazo os postos de venda do primeiro andar do Mercado Municipal.

2. Que o Concello de Ribeira se comprometa por escrito a prohibir a venda de produtos frescos que se comercializaren na primeira planta do Mercado Municipal no caso de que se instale un supermercado.

3. Que o Concello de Ribeira habilite no segundo andar un espazo para a promoción de exhibicións gastronómicas, feiras temáticas de produtos, promovendo especialmente os produtos da zona e os ecolóxicos.

Vídeo: Falla de espazo no futuro Mercado Municipal – Canle Rías Baixas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *