Pleno Novembro: (innecesarias) medallas de ouro a exalcaldes e novo contrato de iluminación

- Contrato mixto de suministro e servizos para a prestación do Servizo Integral de Iluminación Pública Exterior do Concello de Ribeira: 

Ilumiación Coroso. Ribeira BNG. Foto: JuantiaguesA continuación resumimos o proceso de cambio da iluminación pública e o sentido do noso voto.

Unha empresa especializada auditou o estado e as necesidades de toda a instalación exterior do concello. Unha vez que comece o novo contrato, cambiarase toda a instalación (8.000 lámpadas) para tecnoloxía LED por ser máis eficiente, supoñer un maior aforro para o concello e por ser máis sustentable. O BNG xa o ten aplicado con éxito en concellos nos que goberna como Carballo, modelo polo que se guía Ribeira para facer este novo plan.

Malia que no BNG defendemos que este servizo debe ser público, polo momento, o Concello por si proprio non pode facelo, pois require una inversión inicial de máis de 4 millóns € para acometer a transformación dos equipos, de aí a posibilidade de que o faga una Empresa de Servizos Enerxeticos (E.S.E) ao longo do contrato (12 anos) por 10.233.800€. Unha vez rematado, o BNG defenderá que pase a ser un servizo público.

Tralos pregos Técnico (moi minucioso) e Administrativo presentáronse tres empresas entre elas Obras e Servizos Lijo S.L que é a que mellor respecta o prego técnico a (xuízo dos servizos técnicos) e acadou a mellor puntuación total una vez aberto o sobre económico (cunha baixa do 7%) as outras baixas eran dun 2% e un 11%.

O BNG considera positivo que sexa una empresa ribeirense a que, en libre concorrencia, gañara o concurso, xa que creará 20 postos de traballo. Alén da empresa de xestión da calidade que controlará o cumprimiento do servizo, o BNG vixiará que se cumpran todas as condicións do contratoEstas son as resumidas razóns polas que o BNG respaldou a proposta da Mesa de Contratación, os informes favorables dos servizos técnicos e a aprobación en pleno. Sabemos das deficiencias da actual instalación mais somos concientes de que, se se fai ben, estas rematarán, suporá aforro para as arcas públicas e contaremos cunha instalación máis moderna.

- Outorgamento das medallas de ouro do Concello de Ribeira a 4 exalcaldes (Lisardo Valeiras Bravo, José Antonio Ventoso Mariño, Ricardo Pérez Queiruga e José Luís Torres Colomer):

Medalla Concello de Ribeira. BNG RibeiraDesde o BNG consideramos que o artigo 16 do Regulamento Municipal de Honores e Distincións non debería aplicárselle a políticos polo exercicio das súas funcións. Con todo, falta un alcalde, tal e como explicou Xosé Vázquez Cobas, nesta relación que é o antecedente democrático destes catro. Don José Fernández Bermúdez que representou a Ribeira con honradez, dignidade e coherencia. Foi deposto polo golpe militar, detido e que tivo que sufrir o exilio. Podiamos aproveitar esta ocasión para saldar a débeda de todas as corporacións concedéndolle a mesma medalla ao alcalde J. Fernandez Bermudez. Se non o facemos, todas as corporacións seguiremos en debeda con el.

Unha frase do historiador Daniel Bravo no seu libro Historia de Ribeira sobre Pepe Fernandez Bermudez “comportamentos como este honran a todo un pobo… Canto haberá que agardar para dedicarle una merecida homenaxe?”

Pensamos no BNG, que un político non debe recibir medallas honoríficas por facer ben o seu traballo, xa que é moita a honra a de poder ser o máximo responsable dun concello representando e traballando para a súa veciñanza.

- Pintado e mellora da seguridade viaria na estrada Xarás-Frións-Carreira:

A estrada CP-7301 é unha estrada transitada por vehículos pesados, lixeiros, autobuses… Cada día centos de persoas empregan esta vía para acudir ao Polígono Industrial de Xarás e de Couso, a Carreira, Aguiño, ou é empregada para sortear o centro urbano. Luís Pérez Barral, autor da proposta, mencionou que nesta estrada hai presenza de mocidade ao atopárense o IES Leliadoura e o centro AMBAR.

Desde o BNG consideramos que esta estrada deberá ser a futura circunvalación de Ribeira mais, mentres iso non sexa realidade, é preciso dotala de elementos que a fagan máis segura, xa que, alén do trazado sinuoso, os días de mal tempo de chuvia e néboa a visibilidade redúcese e fana moi perigosa. Por iso solicitamos:

1. Que o Concello de Ribeira faga as xestións para que á maior brevidade se pinte a estrada CP-7301.
2. Se instalen refractores nas liñas exteriores que delimitan a estrada.
3. Se dote á estrada dunha beiravía (polo menos en certos tramos).

- Pintado dun tramo da Rúa Rosalía de Castro:

O primeiro treito da rúa Rosalía de Castro comprendido entre a Avenida do Malecón (Bulebar) e o cruce coa Rúa peonil de Galiza, é unha das principais vías de acceso ao centro do casco urbano da vila. Neste punto a estrada quedou moi estreita e os vehículos teñen problemas de paso se, os que veñen polo sentido contrario non se achegan ao seu respectivo lado.

Cómpre pintar unha liña divisoria para que @s condutores/as saiban que teñen que achegarse ao seu lado e non invadir o espazo do carril contrario. Isto axudaría a evitar acontecementos como os que xa se teñen rexistrado como choques entre restrovisores ou subidas á beirarrúas, entre outros.

A nosa demanda foi tida en consideración e o Concello comprometeuse a ampliar un pouco a zona da calzada e a pintar a liña divisoria entre os carrís como lle solicitamos.

- Accesibilidade e Ornamentación nas rúas:

Cada vez hai máis árbores nas rúas da nosa vila. No BNG estamos completamente de acordo con isto xa que; exornan as rúas, dan sombra os días de sol e contribúen, en pequena medida, a reducir a contaminación atmosférica producida polos vehículos.Accesibilidade Ribeira. BNG

Malia isto, estamos observando que trala ampliación de moitas beirarrúas para darlle prioridade @s viandantes, se poñen uns testos de madeira con prantas e uns bordillos nas árbores que están no chan, que dificultan e obstaculizan o paso, chegando a ser nalgunhas zonas barreiras arquitectónicas que ningún sentido teñen. Isto provoca innecesariamente obstáculos que dificultan o paso a persoas con mobilidade reducida e tamén son perigos para as persoas xa que xeran risco de caídas e tropezóns. Por todo isto, Luís Pérez Barral solicitou en nome do BNG o seguinte:

1. Nas novas actuacións e renovacións de rúas nas que se planten árbores se instalen ao pé das mesmas, un enreixado ao nivel da beirarrúa que non dificulte o paso e non supoña ningunha barreira arquitectónica.
2. Cando proceda a renovación dos testos, que se coloquen árbores directamente no chan (de ser posible) para reducir custes de mantemento e reposición de material e especies vexetais.

Outros asuntos:

- Revisión de facturas atrasadas de Viaqua: 125.000€ en 2013 (facturas de 2008-2010), e 60.000€ en 2014 (facturas 2013-2014). Xosé A. Cobas denunciou como a empresa sempre gaña mentres a xente sofre as incidencias e cortes de subministración.

- Derrogación da taxa á instalación de antenas e cableado de telefonía móbil: Houbo que derrogar a ordenanza gravaba os tendidos eléctricos e antenas instaladas no concello, porque Vodafone denunciouna e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón. Desde o BNG propuxemos que se fagan accións desde a FEGAMP para crear unnovo imposto xa que estas empresas gañan centos de millóns pola súa actividade e as molestias e consecuencias sufrímolas todas e todos.

  • Estudo na zona do Castro en Castiñeiras para mirar se hai xacementos arqueolóxicos.

  • Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *