O BNG solicítalle ao Concello accións concretas para loitar contra a violencia machista

O BNG iniciará unha campaña de concienciación contra a violencia machista con diferentes actividades, unha delas a presentación desta moción:Violencia Machista BNG Ribeira

A violencia machista é unha realidade que golpea día tras día a mulleres deste municipio e deste país. O 24 de marzo de 2014 a Secretaría xeral de Igualdade publicaba o Informe anual de seguimento da Lei Galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero (11/2007, do 27 de xullo), que deixaba uns datos demoledores e recollía as medidas implementadas pola Xunta de Galicia xulgadas como oportunas, cando os indicadores e os datos demostran que son insuficientes: O terrorismo machista leva matado máis de 700 mulleres en 10 anos, unha auténtica atrocidade!

Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral “é obvio que a morte dunha soa muller é máis que suficiente para implementar medidas de seguridade e protección así como para loitar contra a violencia machista. Ribeira, non é allea a esta problemática e por iso pedimos accións concretas, máis aló das que se realicen por parte doutras administracións, non agardemos a lamentar unha morte para comezar a traballar“.

É responsabilidade do conxunto da cidadanía e, en particular, das persoas con responsabilidades políticas, protexer as vítimas da violencia machista e as/aos menores ao seu cargo, traballar para que a comunidade educativa eduque en igualdade e denunciar todas e cada unha das agresións que as mulleres sofren no día a día.

Antón Parada, Luís Pérez Barral, Vicente Paz Carou, Alberte Paz Calo, Dores Vidal Peón. BNG RIbeiraAdemais, os medios de comunicación non deben criticar a falta de denuncias por parte da vítima ou culpabilizalas, han de ser parte activa da educación contra a violencia machista, condenando aquelas persoas que exercen maltrato físico ou psicolóxico.

Co obxectivo de exercer este compromiso día a día, e non só arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, o BNG solicita ante a Corporación Municipal de Ribeira:

1. Trasladarlle á Xunta de Galiza o urxente desenvolvemento lexislativo do artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se recolla, como mínimo:

A) A regulación das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero co obxectivo de estabelecer baremos de renda non inferiores aos que se recollían nas convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008, 2009 e 2010 e eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas neste artigo.
B) A garantía de que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano.
C) A fixación dun prazo máximo de 30 días para a resolución e o pagamento efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude.
D) A ampliación da duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até 24 meses segundo a situación da vítima.

2. Apoiar o asociacionismo ribeirense que traballa no combate contra a violencia de xénero e desenvolver, en colaboración co tecido social, unha campaña urxente de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores.
3. Elaborar un plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero.
4. Esixir o cumprimento da normativa en publicidade sexista, chegando a romper patrocinios que o Concello de Ribeira ten con aqueles medios que o incumpriren.
5. Ser exemplares na loita contra a violencia cotiá e os micromachismos e rexeitando e esixindo responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeren declaracións machistas.
6. Deseñar un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade ribeirense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *