Moz@s trasládanlle ao BNG os problemas da xuventude para o Debate do estado da Nación

Militantes e simpatizantes do colectivo xuvenil Galiza Nova da Barbanza, mantiveron un encontro de dúas horas coas deputadas nacionalistas Carme Adán, Montse Prado e o portavoz Francisco Jorquera.

Na xuntanza deuse traslado das inquedanzas e propostas da mocidade galega, en xeral, e da barbanzá, no particular, ao Grupo Parlamentar do BNG para que as teña en conta no Debate do estado da Nación Galega.

Galiza Nova e BNG As cuestións que máis preocupan á xente nova son as pésimas perspectivas que teñen do seu futuro e a taxa de desemprego que supera o 50%. A isto súmaselle as ducias de miles moz@s emigrados dende a chegada de Feijoó ao goberno da Xunta. A situación é desoladora para a mocidade. E por se isto fose pouco, tamén temos que sumar a precarización das condicións de traballo para aquelas persoas que están ocupadas, a consecuencia da aprobación de diversa lexislación que vai en contra dos dereitos d@s traballador@s.

Por outra banda, preocupa dun xeito alarmante a demolición do sistema do ensino público que está executar o PP de Núñez Feijoó e o Ministro Wert. A entrada en vigor da LOMCE está a contribuír a reducir os equipos docentes dos centros de ensino, namentres se reforza o sistema concertado ou incluso o que segrega por sexo. Na comarca do Barbanza, é salientable a redución de profesorado en todos os niveis e centros, ademais da supresión da FP Básica en diversos institutos, así como a reducción das súas modalidades. No ensino superior, as bolsas non fan máis que reducirse, ou incluso desaparecen, e as contratacións, particularmente a de novos investigadores, está paralizada.

A todo isto débeselle sumar o proceso de descapitalización da economía galega que leva executando 5 anos Núñez Feijoó. O tecido financieiro desapareceu e foi malvendido, iso si, despois de ser rescatado con 10.000 millóns de euros públicos. Somos unha potencia eléctrica que, despois da venta de Fenosa, non dispón dunha comercializadora forte no mercado. A pesca e o agro foron literalmente despezados. Os astaleiros están nunha situación de inactividade, debido á política desindustrializadora do PP, PSOE e da UE, facendo que centos de soldadores galegos emigren.

Finalmente, indicar o nulo apoio á cultura de base, o potenciamento do tecido asociativo, nomeadamente o da xente nova, ou a desaparición de boa parte da industria cultural.

Resumindo, o escenario para a mocidade non podería ser máis desolador: a precarización, a falta de oportunidades e un ensino cada vez máis precario e elitista, forzan á mocidade á emigración ou ao desemprego. É por todo isto, que dende Galiza Nova denunciamos a violencia social que os gobernos do PP están exercendo contra a mocidade da nosa comarca e do noso País.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *