Manuel Ruiz Rivas dilapida 45.000€ mentres o pobo pide axuda

Os membros do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira soubemos  que o goberno do Partido Popular vai facer un importante gasto de cartos públicos nunha actuación nada prioritaria, como é destinar case 18.150€ a un monumento á Festa do Percebe.
Desde o BNG non nos opoñemos a ningunha homenaxe, mais consideramos que os tempos que corren os gastos non deben ser tan elevados.

Tampouco é que o BNG teña nada en contra do percebe nin algo en contra de tódalas persoas que arriscan a súa vida para extraer o prezado crustáceo, todo o contrario, pero cremos que gastar preto de 20.000€ nunha estatua a un crustáceo despois de gastar 13.431€ recentemente no monumento ás redeiras é totalmente excesivo.Antón Parada, Luís Pérez Barral, Vicente Paz, Alberte Paz, Dores Vidal. BNG RIbeira

Lembremos que o goberno municipal aumentou tódalas taxas municipais nun 9% nos últimos anos. Ao mesmo tempo a veciñanza sofre os recortes e repagos dos gobernos de Feijóo e Rajoy e a suba de impostos (IRPF, IVE…) así como suba dos recibos dos servizos básicos (electricidade, auga, lixo) e o empeoramento dos servizos públicos esenciais como ensino, sanidade e servizos sociais. Todo isto co beneplácito do PP local.

En total o goberno do PP gastará 31.581€ en dúas estatuas, se lle sumamos os escandalosos 14.000€ para gabar o labor do alcalde son máis de 45.000€ en dous anos!!

Nada teriamos que dicir se non fose porque este municipio padece unha terrible emigración xuvenil, onde cada ano centos de mozos e mozas se ven obrigadas a marchar para atopar un traballo digno.
O desemprego aféctalle a máis de 2.000 persoas que ven como o goberno nada fai para poñerlle solución.

Nada diriamos se non houbese unha situación social grave, onde moitas persoas atravesan por momentos moi difíciles e viven nunha situación de auténtica emerxencia social. Isto reflíctese en que cada vez máis persoas solicitan a axuda que presta o voluntariado de Cruz Vermella, Cáritas, Stop-Desafiuzamentos entre outras, desde aquí aproveitamos para parabenizar o seu traballo.

Por todo isto desde o Consello Local do BNG de Ribeira propoñemos o seguinte:

Reducir os gastos superfluos e destinar este gasto non prioritario a:

     1. Axudar á creación de emprego
      2. Establecer partidas de emerxencia social ou crear un Fondo de Emerxencia Social

Asina o Consello Local do BNG Ribeira:

Vicente Paz Carou (responsable orgánico do BNG local) Xosé Antonio Vázquez Cobas (voceiro do grupo municipal) Dores Vidal (organización) Xabier Vidal Peón (secretaría) Luís Pérez Barral (responsable de comunicación e medios) Alexandre Ríos Batista (responsable de mocidade) Carlos Lixó Gómez (acción social) Xosé Antón Parada Fernández (finanzas)

Vídeo: O Consello do BNG critica a dilapidación de 45.000€ 

One Comment on “Manuel Ruiz Rivas dilapida 45.000€ mentres o pobo pide axuda”

  1. Hai que ter mais cara que espalda!! que se deixe de tirar os cartos! como se nota que non son do seu bolsillo que non lle doen e que os dedique a axudar a quen non cheja a fin de mes que aqui hai moitas personas que o necesitan

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *