Sectarismo e infantilidade no PP de Ribeira

Hoxe soubemos a nova de que o Concello de Ribeira mudará o emprazamento dos contedores de lixo que hai diante da praia da Robeira no Porto de Corrubedo. A razón defendida é que é “unha demanda veciñal” sinalan desde o Concello.

Contedores lixo Corrubedo RibeiraNo Bloque Nacionalista Galego, estamos sorprendidos/as por esta actuación, xa que este mes hai xusto un ano que o concelleiro Luís Pérez Barral presentara unha solicitude en nome do BNG e da veciñanza de Corrubedo que non foi tida en conta polo Partido Popular alegando que o lugar era o axeitado e que o servizo de recollida cumpría as necesidades do verán.

Desde entón (hai un ano), nada se fixo en Corrubedo para mellorar o servizo de recollida de lixo que cada verán fica insuficiente por mor do aumento da poboación, deixando escenas como as que se poden ver na fotografía que adxuntamos; contedores completamente cheos e desbordantes de lixo que poden chegar a estar así 2 e 3 días.

No caso dos contedores situados diante da praia no porto, o compañeiro Luís Pérez Barral relata: ”estiven traballando o verán pasado na zona do porto de Corrubedo, é indignante ver como turistas e veciñanza comentaban case tódolos días que a quen do Concello se lle ocorrera poñer uns contedores diante da praia e deixalos desbordardos durante 2 días, semana tras semana. Había algún que pingaba cara a praia por non limparse e como é obvio, o cheiro era insoportable”.

Ademais do areal, na zona atópanse varios establecementos hostaleiros e de restauración que alén de causarlles prexuízos, a imaxe que se proxecta de Corrubedo non é a axeitada nin a desexada.

Mellora recollida lixo Corrubedo BNG RibeiraPorén, desde o BNG de Ribeira queremos denunciar as actitudes sectarias reiteradas do equipo de goberno cara as demandas veciñais que, neste caso foron recollidas polo BNG, mais que xa ten acontecido noutras ocasións por outras demandas feitas por este partido político e mesmo por outros que conformamos a corporación municipal.

A recolocación dos contedores é unha mostra máis de que o Partido Popular é capaz de prexudicar os intereses da cidadanía de Ribeira, rexeitando, por rebanchismo político, solicitudes e mocións necesarias, que moitas veces nacen das demandas e preocupacións veciñais só porque as presentan outros partidos alleos ao goberno. Estamos por tanto ante unha actitude de infantilidade política que os e as veciñas non podemos soportar nin debemos permitir.

Fotografías do estado dos contedores: Contedores lixo Corrubedo
Solicitude presentada: Mellora da recollida do lixo en Corrubedo e recolocación de contedores

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *