Iniciativas sociais encamiñadas a defender o pago do RISGA e a favor da diversidade LGTBI

Aquí vos deixamos parte do traballo que estamos realizando desde o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, alén de revisarmos o Orzamento 2014 que irá para o pleno deste mes de Xuño:

Cáritas Ribeira - La Voz de Galicia - Sabela Lens

- Esiximos o pagamento da Renda Inclusión Social: o voceiro Xosé A. Vázquez Cobas, encargarase de demandar que o Concello de Ribeira efectúe accións para axilizar o trámite das axudas tras comprobar que nos últimos anos o número de solicitudes incrementouse notablemente.
Esiximos ante a urxencia social de moita xente, que as persoas que a soliciten lles sexa recoñecida a prestación unha vez pasado o límite legal de tempo de resposta da administración e tamén que as persoas que a solicitaran antes do 31 de marzo 2014 que se executen en menos de 2 meses.

En Ribeira diariamente dúcias e dúcias de familias están en situación de emerxencia social precisando axuda para alimentación, pagamento a enerxía, material escolar, etc
Nun informe, Cáritas sinala que en Galiza a pobreza infantil pasa dun 17% en 2007 a 22,2% en 2012. Ademais hai 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos, e son xa unhas 465.000 persoas as que viven baixo o limiar da pobreza. Todo isto cando se destinan 53 millóns de € a débeda.

Moción Completa: Denunciamos o atraso no pagamento do RISGA

- Moción en defensa das persoas Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais (LGTBI): o concelleiro Luís Pérez Barral defenderá no Pleno de xuño esta iniciativa que pretende garantir os dereitos e liberdades afectivo-sexuais así como tamén contribuír á concienciación contra a discriminación.LGTBI Ribeira BNG

Para loitar contra calquera tipo de discriminación propoñemos que o Concello realice un plan de educación afectivo-sexual que contribúa a normalizar a diversidade e liberdade afectivo-sexual e contribúa a erradicar os prexuízos existentes.
Ademais instamos á Xunta de Galicia a que aplique de xeito inmediato a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza, en particular o punto no que se pide dotar un Servizo de apoio e mediación LGTBI, unha liña de atención telefónica permanente ou calquera outra medida análoga para atender todos os casos de consulta, asesoramento ou denuncia de calquera tipo de agresión neste ámbito.

Moción Completa: Moción defensa da liberdade e dereitos LGBTI 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *