“Defendemos o dereito a vivir da pesca, tamén en Ribeira, por iso o 25 de maio temos que votar ao equipo da casa”

No acto tamén participaron Xosé A. Vázquez Cobas voceiro do BNG en Ribeira, Cris Andrade concelleira da Pobra, Adolfo Muíños Alcalde de Rianxo e Luís Pérez estudante e concelleiro.

O 25 de maio temos a oportunidade de votar en contra dun modelo de Europa dominado pola dereita europea, que en Galiza representa o PP de Arias Cañete e Feijóo-, que aplica unha política de recortes que causan “emigración, paro, pobreza e sufrimento” nas familias e na maior parte da cidadanía, unha política “que nos impide producir, que nos impide traballar e vivir do noso”. Acto Ribeira BNG

“Defendemos o dereito a vivir dignamente na Galiza, tamén aquí en Ribeira, onde queremos vivir da pesca, do noso mar, que nos deixen traballar dos nosos recursos”, reclamou Ana Miranda, en referencia á pesca de baixura e do marisqueo tradicional, actividade económica estratéxica en Ribeira e na comarca do Barbanza.

Neste sentido, Miranda o traballo realizado pola formación nacionalista en Europa durante esta lexislatura onde reivindicou “un tratamento diferenciado e prioritario, con fondos específicos” para a frota de baixura e para marisqueo a pé.

“Debemos apostar pola calidade e pór en valor os nosos produtos, por iso é tan importante, por exemplo, que as latas de conserva leven o lugar de procedencia deses produtos”, insistiu lembrando a “batalla” que o BNG deu en Europa a prol da denominación de orixe nas conservas de mexillón galego, como elemento de valor engadido para os produtos autóctonos “de recoñecido prestixio e calidade”.

Unha defensa que contrapuxo co “abandono e a traizón” do PP a Galiza en Europa, “onde aposta polo desguace de barcos, cando o que pide o sector son axudas para modernizar os barcos e poder traballar en mellores condicións de seguridade”. “Esta Europa antisocial e antidemocrática non quere que os barcos galegos vaian pescar, non quere que vaian ao mar, prefire que vaian á chatarra”, criticou Miranda, que defendeu para o noso país “outras políticas” de “apoio aos sectores produtivos”.

Ana Miranda mitin Ribeira1O PP quere que quedemos na casa

A candidata nacionalista tamén lembrou que “o BNG levou a Europa a voz dos colectivos galegos que o precisaban” e fixo especial referencia aos afectados pola estafa das preferentes e aos emigrantes retornados acosados pola Facenda española que ven “roubados” os seus aforros nunha comarca como o Barbanza, das máis afectadas do país por estas dúas situacións.

Nun acto ao aire libre no corazón de Ribeira, o portavoz nacional, Xavier Vence, denunciou que “as políticas do PP condénannos ao futuro das maletas outra vez”, en referencia aos 100.000 mozos que emigraron nos últimos cinco anos en Galiza. “Ese non é futuro, o futuro pasa por poder producir e crear emprego aquí, pero emprego de calidade, porque tampouco é futuro un salario de 500 euros. Iso é pobreza para hoxe e miseria para mañá”, asegurou.

Xavier Vence tamén alertou de que “o PP está empeñado en que a xente se quede na casa e non vaia votar para poder seguir facendo as cousas coma ata agora, beneficiando aos bancos e prexudicando á xente”. Denunciou tamén o “intento de silenciar ao BNG”, nos medios de comunicación públicos, “pero non o van lograr, porque Ana Miranda é unha muller galega, rabuda, loitadora e traballadora que non van poder calar”, destacou o portavoz nacional do BNG.

Video: Galicia vai de marabilla, parécecho?
Álbum de fotografías: Acto Público en Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *