As deficiencias do Hospital levadas ao Parlamento Galego

Os veciños e veciñas da Barbanza padecemos nos últimos anos, ademais dos recortes en sanidade, as consecuencias do abandono que a Xunta de Galicia somete ao Hospital do Barbanza. Este é un dos hospitais con menor investimento de todo Galiza. O Goberno do PP non previu ningún investimento nin mellora nos últimos catro anos a pesar da necesidade de ampliar urxencias, laboratorio e rehabilitación; tampouco deu cumprimento á promesa de crear a categoría de celadores no mesmo.Luís Pérez Barral, Ana Pontón, Severino Romero e Xosé Deira. BNG Hospital Barbanza

MENOS MÉDICOS

Asistimos a un desmantelamento progresivo do hospital e que os cambios que se produciron coa área de xestión integrada, manteñen os vellos problemas e crean outros novos. Así, existen menos médicos, por exemplo nos servizos de uroloxía, hematoloxía ou radioloxía. A xerencia decidiu en maio non substituír a un urólogo dos dous que había no cadro de persoal. Diferentes especialistas pasan consulta e realizan intervencións cirúrxicas algúns días á semana. Isto provocou que desapareceran as gardas, e imposibilita atender posibles complicacións as 24 horas ao día; e unha diminución dos días de consulta e de quirófano semanal co aumento da lista de espera e con máis pacientes que teñen que trasladarse a Santiago.

No caso de radioloxía a substitución dunha radióloga de catro por unha radióloga ao 50%, nun dos servizos con máis lista de espera do hospital, fai aumentar a lista de espera. No caso de hematoloxía a non substitución da única hematóloga do centro, e só médicos do Hospital de Santiago acoden ao centro só 3 días a semana ao Barbanza.

Para o BNG a sanidade pública é un piar fundamental do benestar e unha das conquistas sociais máis relevantes das últimas décadas. Vemos con preocupación o deterioro que producen os recortes, e máis concretamente nos hospitais comarcais como o da Barbanza, que xa naceron con problemas que lonxe de solucionarse agudízanse neste momento.

Polo dito formulamos as seguintes preguntas:

-Que razóns levan á Xunta de Galiza a paralizar novos investimentos de melloras no Hospital da Barbanza?
-Que valoración fai a Xunta de Galiza sobre o impacto do hospital da Barbanza da área integrada?
-Ten previsto a Xunta de Galiza corrixir os problemas derivados pola presenza de menos facultativos en especialidades como uroloxía, hematoloxía ou radioloxía?
-Ten previsto incrementar o persoal naquelas especialidades que teñen maior demanda e lista de espera?

-Ten previsto a Xunta de Galiza rectificar a decisión de centralizar servizos (informática), que só está provocando maior lentitude de resposta e máis burocracia?
_Que razóns xustifican que aos pacientes galegos de fóra da área só se lles atende de xeito urxente?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *