Moción sobre o Prestige, impunidade nunca máis!

Levamos a sentenza do Prestige ao pleno ordinario de novembro para que o Concello de Ribeira rexeite este ditame xudicial que deixa impune a responsábeis políticos e materiais. É preciso que Galiza conte coas competencias en salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima, para previrmos novos desastres ecolóxicos e implementar medidas preventivas.

Luís Pérez Barral – encargado da súa defensa – salienta que “é preciso que haxa pronunciamentos públicos para rexeitar a impunidade que supón a indigna e vergoñenta sentenza do Prestige“. Para o concelleiro do BNG, “temos que amosar o rexeitamento das institucións e partidos ao igual que o outro día por diversas vilas e cidades onde a xente botouse ás rúas e prazas reclamando verdadeira xustiza”.

O sinistro do petroleiro o 13 de novembro de 2002 amosou o problema da seguridade do tráfico marítimo do corredor de Fisterra que ameaza as costas galegas.

O litoral de Galiza é o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos. En 43 anos houbo catro buques que provocaron vertidos de hidrocarburos ao mar (Polycommander, Urquiola, Aegean Sea, Prestige), aos que se lle suman os sinistros de Erkowitz e Cason en que houbo contaminación mariña por vertidos de produtos altamente contaminantes.  A pesar deste balance, son as autoridades xudiciais as que permiten, despois de 11 anos, a pervivencia desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsábeis.

© Luís Pérez Barral

Así, con esta sentenza, non só se premia o feito da marea negra senón que os seus responsábeis quedan impunes, e ademais vale para apoiar a falta de vontade para transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza, animando a actitude compracente dos gobernos español e galego do PP, que non actúan nas instancias que ocupan para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar e que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras de Galiza.

Por todo iso, solicítase do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Lamentar a sentenza ditada pola marea negra provocada polo Prestige que permite a impunidade dos seus responsábeis, tanto políticos como materiais.

2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do estado español a transferencia das competencias para o control e inspección dos barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia inherente ao salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña nas costas de Galiza.

3. Dar o apoio ás mobilizacións en contra da impunidade dos responsábeis da marea negra do Prestige e en demanda da transferencia de competencias á Galiza nesta materia.

4. Enviar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno do Estado e grupos do Parlamento galego.

5. Sacar unha nota de prensa cun comunicado institucional do Concello de Ribeira lamentando a sentenza e valorando positivamente o labor do voluntariado e dos mariñeiros e mariñeiras así como en xeral da sociedade galega que axudou neste desastre ecolóxico.

Moción completa: Moción impunidade Prestige impunidade e transf. competencias marítimas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *