Outra vez o servizo de socorristas? Dúbidas e preguntas…

Ao igual que o ano anterior esiximos responsabilidades políticas sobre o escándalo sobre a falsificación de acreditacións de socorristas, este ano tivemos coñecemento de posibles irregularidades no servizo de socorrismo polo que quixemos facer unhas preguntas ante a Xunta de Goberno Local e ante o Alcalde. Dicir que desde o BNG respectamos e valoramos a profesionalidade dos e das socorristas que desenvolven o servizo.

Durante este verán, como vén sendo habitual un bo número de praias contaron con servizo de socorristas. Un servizo que é fundamental para garantir a seguridade de todas aquelas persoas que acoden aos areais deste municipio.

O servizo de socorrismo deste verán 2013 correu a cargo dunha empresa. Desde o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira gustaríanos saber se o Concello de Ribeira vixiou e atendeu os traballos que debía realizar a empresa e se se cumpriu o prego de condicións que se esixían, xa que tivemos coñecemento de que catro de cinco traballadores/as estaban traballando noutros lugares e, polo tanto preguntámonos como é posíbel que traballen nas praias a tempo completo?

Ante todo o exposto preguntamos:

• Ata que data tiñan que estar os socorristas nos areais?
• Empregou a empresa que xestionou as praias locais municipais e material do Concello para a realización da xestión?
• Quen realizou os movementos das embarcacións, tiñan a titulación e reflectiron o gasto de combustíbel?
• Como se recolle no prego, a coordinadoras/es e xefas/es de praia esixíaselles un curso de prevención en riscos laborais, efectuouse ese curso ou xa estaban en posesión del?
• Tivo coñecemento o Concello de Ribeira de que se lle fixo contrato a tempo completo aos traballadores/as da empresa?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *