Pleno Outubro: o PP volve castigar á xente subindo as taxas municipais (outra vez)

Asuntos debatidos no pleno ordinario do mes de outubro de 2013:

  • Aumento de tódalas taxas muncipais un 1,5%: por segundo ano consecutivo o equipo de goberno do Concello de Ribeira decide subir todas as taxas. Se o ano pasado foi unha subida do 3,5% este ano hai que sumar outro 1,5% que en algúns casos é máis como a gardería que sobe un 2,2%. En dous anos subiron só as taxas municipais un 5%!!. Como ben di o alcalde, non é unha subida moi grande (se a miramos en solitario) pero a isto hai que engadirlle outras subidas de impostos de Feijóo e Rajoy, como son a subida do gasoil 3,6 céntimos ou a gasolina un 2,4, a subida do IVE, o repago en medicamentos, taxas universitarias, o IBI, etc.
    Desde o BNG propuxémoslle ao goberno de Ribeira que fose valente e que conxelase as taxas para non quitarlle máis cartos ás economías das e dos ribeirenses. Así mesmo denunciamos como o PP en Ribeira nunca se opuxo a ningún recorte e a ningunha subida de impostos polo que non pode queixarse, xa que esta subida é consecuencia das políticas practicadas polo Partido Popular en Ribeira, Galiza e no Estado.

  • Festivos locais: un ano máis, o Bloque Nacionalista Galego, volvemos ser os únicos que se lembran da Festa da Dorna, unha festa importante e a máis coñecida de Ribeira. Quixemos, un ano máis, reivindicar a festividade local para o 24 de xullo, mais o goberno local preferiu manter as datas que xa había.

  • Modificación da ordenanza das terrazas: decidimos votar contra esta ordenanza, por diversos motivos. O primeiro deles é que a hostalaría da nosa cidade pode verse afectada de xeito negativo ao teren que pechar as súas terrazas á 1.30h da noite os meses de maio-setembro e ás doce da noite o resto do ano. Pensamos que é preciso regular o seu uso para posibilitar a vida nocturna e o descanso da veciñanza pero cremos que merecía un pouco máis de diálogo e consenso.
    Por outra parte o BNG propuxémoslle unha medida valente de cara axudar á hostalaría do noso concello como é; a exención de pagar a terraza durante o 2014 e que se aprazase a obrigación de cambiar a terraza ata o 2015 debido ao alto custe que pode supoñer cambiar o mobiliario.

  • Moción sobre malos cheiros en Artes: hai anos xa, que a veciñanza de Artes leva aturando problemas cos malos cheiros que se rexistran durante determinadas épocas do ano, sobre todo no verán, no entorno do Polígono Industrial de Xarás ou no lugar de Outeiro, entre outros.
    O Concello de Ribeira ten a competencia de mellorar a rede de sumidoiros así como tamén controlar os posíbeis vertidos e emisións polo que esiximos que cumpra as súas responsabilidades e obrigas para poñer fin a esta situación. No BNG sabemos da complexidade do problema e das dificultades que carrexa a súa solución, mais isto non é razón para non abordalo seriamente.
    Moción completa: Moción en relación aos cheiros de Artes

  • Outros temas tratados:
    - Moción sobre os crimes do franquismo proposta pola Comisión Recuperación Memoria Histórica Barbanza
    - Préstamo de material informático á Sociedade Fillos de Palmeira – Moción sobre o amaño en diversos lugares de Aguiño, Castiñeiras e Carreira

  • Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *