Melloras viarias para o entorno da Gardería de Ribeira

O BNG de Ribeira vai solicitarlle ao equipo de goberno do Concello de Ribeira que efectúe melloras no ordenamento vial do entorno da Gardería, Colexio García Bayón, CEIP Frións e o IES Leliadoura ou a aula CEMIT no baixo da Gardería.

A zona de Abesadas e Cubeliños, como se pode ver, ten numerosos centros educativos sen que haxa a suficiente ordenación urbanística o que provoca numerosos atascos e difuculta o tránsito nas horas de saída e entrada dos cativos e cativas nos respectivos centros educativos. Este problema increméntase coa chegada do inverno e do mal tempo.

Observamos que nos arredores da gardería e a súa zona de influencia non hai espazos axeitados nin medianamente preparados para
o estacionamento temporal dos vehículos que van recoller ou levar ao alumnado e os poucos que hai están ocupados.

Desde o BNG cremos que hai que acometer unha mellora para que haxa zonas de estacionamento temporal que non dificulten o paso doutros vehículos nin autobuses escolares e nas beirarrúas para que as persoas que vaian camiñando poidan facelo con seguridade.

Acordos que pedimos:

1º Que os técnicos do concello de Ribeira fagan, a maior brevidade posíbel, un estudo urbanístico desta zona para ordenar os espazos coa finalidade de dotala das necesarias beirarruas, zonas de estacionamento e demais servizos.

2º Que se faga tamén un estudo do tránsito rodado co obxecto de solucionar os problemas de circulación existentes así como a súa sinalización tanto horizontal como vertical que inclúa as rotondas da Poutada e Serea así como o último tramo da Mámoa pola súa perigosidade.

3º Que o Goberno Municipal faga súas as recomendacións de ámbolos dous estudos e proxecte e execute as melloras precisas para subsanar as deficiencias sinaladas alén doutras que os servizos técnicos poidan detectar.

Fotografías da zona: Melloras no entorno da Gardería de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *