Rexeitamos o copago nos medicamentos a doentes crónicos

O BNG da comcarca da Barbanza presentaremos unha moción que se defenderá en todos os concellos para rexeitar o copagamento de medicamentos a enfermos/as crónicos/as.

O pasado mes de setembro o goberno do Estado estabeleceu unha modificación nas condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do sistema estatal de Saúde para que as persoas doentes crónicas non hospitalizadas teñan que achegar unha cantidade para sufragar o gasto das medicinas.

Con esta resolución, o goberno do Estado fixa un novo copagamento para os medicamentos e supón un novo imposto á enfermidade. Desde o 1 de outubro, 42 medicamentos de dispensación hospitalaria a persoas doentes crónicas con doenzas graves, deixarán de ser dispensadas sen custo, polo que haberá que pagar o 10% deste até o límite de 4,20 euros, agás aquelas que estiveren exentas.
Son fármacos para o tratamento de enfermidades graves: cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide, dexeneración muscular…

Estamos a falar de pacientes, na maioría dos casos polimedicadas, para as cales este novo repago, supón unha carga moi importante na súa economía, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes. Esta medida vai significar o sacrificio e sufrimento para moitas persoas. É indigna, inhumana, inxusta, e retrata un goberno que actúa contra a xente a prol das grandes fortunas e do poder económico.

Velaquí un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas. A isto hai que engadir, os recortes en sanidade e outros repagamentos que suporán máis sacrificios sociais.
Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

1. Instar á Xunta de Galiza a que demande a derrogación da resolución do 10 de setembro de 2013, do Goberno do Estado, pola que se estabelece un novo copagamento para medicamentos que se dispensan a través das farmacias hospitalarias a persoas doentes crónicas non hospitalizadas.

2. Instar á Xunta de Galiza a que non aplique esta resolución no noso país.

3. Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza e presidente do Goberno do Estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *