Levamos o conflito dos bombeiros ao pleno de Ribeira

Desde o BNG queremos denunciar como a Xunta de Galiza incumpre reiteradamente a Lei de Emerxencias aprobada en 2007 e a súa pasividade ante o conflito que existe entre traballadores e a empresa concesionaria dos parques de bombeiros. Tamén queremos mostrar, de novo, o noso apoio ao conflito que viven os traballadores coa empresa.

No BNG entendemos que os servizos de emerxencias, nomeadamente o de bombeiros, teñen que estar en mans públicas e non ser xestionados por empresas. Mais esta situación non se cumple en Galiza xa que, salvo as grandes cidades, os bombeiros dependen de empresas privadas.

Na provincia da Coruña, este servizo vense prestando desde hai máis de 9 anos pola empresa VEICAR S. L. Esta empresa aproveitándose da reforma laboral está recortándolles dereitos laborais a traballadores do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento.

Algúns dos recortes que sufren é a redución de salario dun 25% no caso de baixa laboral ou a escaseza de profesionais xa que, na actualidade traballan en grupos de 3 cando o recomendable é que non sexan menos de 5 persoas.
Outra das causas polas que existe un conflito entre a empresa e os traballadores é a eliminación das gardas de 24 horas polas gardas de 6 ou 8 horas distribuídas irracionalmente imposibilitando o traballo en equipo e a conciliación familiar-laboral.

Ante esta situación de conflito empresa-traballadores e o desinterese da Xunta de Galiza e do Concello de Ribeira por tratar de resolver o problema, levamos ao pleno do mes de setembro o seguinte:

1- Que a Corporación Municipal de Ribeira se solidarice co colectivo de Bombeiros, persoal de extinción de lumes e emerxencias, que prestan servizo nos diferentes consorcios Contra Incendios e Salvamento, baixo a prestación indirecta do servizo.

2- Que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a crear un servizo de emerxencias público, coordinado pola propia Xunta e que dea servizo á totalidade do territorio galego.

3- Que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a desenvolver plenamente a Lei de Emerxencias e, nesta liña:

  • Propor, no prazo non superior a seis meses, un modelo de condicións e prestacións de traballo dos servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento, con base no criterio de prestación directa do servizo.

  • Apostar pola profesionalización dos Servizos de Emerxencias e Salvamento, coa elaboración e aprobación dun Estatuto Profesional.

  • Moción Completa: Proposición Bombeiros e Emerxencias

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *