Pedimos que se manteñan os xulgados de paz e a gratuidade dos rexistros civís

Desde o BNG da Barbanza vimos de tomar a iniciativa de presentar unha moción para o mantemento dos xulgados de paz, ante as recentes noticias e borradores como o da reforma da Lei orgánica do poder xudicial e do Rexistro Civil.

Os Xulgados de Paz xogan un papel moi importante, xa que achegan a administración xudicial, un servizo público, ás e ós usuarios. Realizan trámites de auxilio xudicial e evitan desprazamentos importantes ás grandes cidades e, como consecuencia aforran custos de tempo e cartos para as persoas que requiran os seus servizos, como citacións xudiciais, conciliacións, etc.

En relación aos Rexistros Civís, pasan a ser eliminados parella á desaparición dos xulgados de paz, encomendando esta competencia aos rexistradores/as da propiedade, xa que logo este servizo pasará a ser de pago. Vemos como isto afectará a milleiros de persoas que empregan este servizo para a expedición de documentos básicos como cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas.

Ante isto reclamamos o seguinte:

1.Expresar o rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e e ás Notarías das funcións dos Rexistros Civís, instando ao Goberno do Estado á inmediata retirada deste anteproxecto de lei.
2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como a que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.
3. Dar traslado deste acordo ao Goberno central e á Xunta de Galiza.

Moción completa: Moción mantemento xulgados de paz e gratuidade rexistros civís
Vídeo da rolda de prensa: Rolda prensa moción mantemento xulgados de paz e rexistros civís

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *