Orzamentos 2013. Orzamentos que esquecen a xente

O pleno do mes de abril, deixounos varias imaxes que dan boa mostra dos intereses do equipo de goberno do Concello de Ribeira, e que relatamos a seguir;

1. O colectivo de persoas afectadas polas preferentes estivo presente no Pleno para esixir a reprobación dos deputados e deputadas do PP que votaron a favor da legalización das quitas (roubo). Desde o BNG mostramos o noso apoio erguéndonos das nosas cadeiras e poñéndonos do seu lado, seguíndonos os outros grupos políticos que conforman a corporación municipal. Tras unha hora de conversas, conseguiuse aprobar por unanimidade un comunicado que reproba o acordo (non así aos representantes do PP) no que se legalizan as quitas.
Fotos da protesta: Protesta no Pleno de Ribeira. BNG-Ribeira

2. ORZAMENTO 2013

Un orzamento debería ter o obxectivo de loitar contra o paro, defender e manter os servizos públicos e apoiar os sectores produtivos para non destruír emprego e intentar aumentar o número de traballadoras/es. Isto non parece ser a prioridade do goberno do PP xa que tódolos recortes que houbo desde a Xunta e desde Madrid, este concello aplicounos sen miramentos.

Podemos dicir que a xente de Ribeira vive mellor hoxe que hai un ano? Contribuíron os orzamentos a minguar os desastres das políticas de recortes? Sen dúbida e por desgraza temos que dicir que non.

É rechamante que o orzamento se reduza até os 22.155.000€, un 5,15% menos e os intereses da débeda do Concello aumenten un 33%.
Tamén aumentan os saldos de dubidoso cobro pasando dos 5.131.000€ en 2012 a 6.449.000€ en 2013.

Algúns gastos escandalosos: teléfono (88.000€), asesor de prensa e propaganda (121.500€) comunicacións postais (40.000€). Estes gastos supérfluos contrastan cos 17.000€ destinados ao mantemento de colexios, aos 7.000€ para novas adquisicións da biblioteca ou á redución de 7.000€ en servizos sociais,  2.000€ menos á Unidade de drogodependencias (UAD), ou a baixada de 2.000€ da Oficina de Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).

Tampouco observamos plans que contribúan a paliar os efectos da crise e dos recortes, xa que non existe plan de apoio ao comercio local e só contamos con campañas puntuais.
Plan de emprego xuvenil? Vemos como a mocidade ten que emigrar por falta de oportunidades, e hoxe hai en Ribeira máis de 2400 desempregados/as e 258.000 en Galiza. Sobra dicir que tampouco hai chan industrial que contribúa a atraer empresas.
Cabe destacar que hai procesos selectivos nos que desde o BNG pedimos unha maior transparencia como poden ser postos eventuais.
E o plan de promoción do turismo? Non só temos que atraer turistas que visiten Ribeira, tamén temos que conseguir que consuman nos nosos comercios, durman nos establecementos hoteleiros, etc nunhas palabras que deixen cartos no pobo!

Estes orzamentos cumpren coa lei de estabilidade orzamentaria e mesmo existe un superávit de 2.400.000€ pero desde o BNG preguntámonos como é posible que non se destinen estes cartos a aumentar o gasto en servizos sociais, educación e cultura ou á mellora do transporte público? Ou por que soben tódalas taxas municipais un 3,5% se non hai necesidade? Isto é unha volta de torca que se suma á subida do IVE, IRPF, IBI, etc

Desde o BNG tamén poñemos en cuestión os diversos “caixóns de sastre” onde non se especifica que se fai cos cartos dificultando o noso labor de fiscalización e control sobre a onde van parar os cartos de todas/os. Así pois temos baixo a epígrafe “Estudos e traballos técnicos” gastos de 300.000€ en deportes, 40.000€ en praias, 21.500€ en xardíns, fronte aos 9.000€ para educación, 1.500€ para sanidade ou os 1.000€ para a biblioteca. Dicirvos que non sabemos exactamente para que van ser utilizados estes cartos.

Precisamos un orzamento máis social, priorizando as concellarías sociais fronte ao gasto en obras, xa que como dixo Xosé Antonio Vázquez Cobas, voceiro do BNG; “o cemento non se come” e nestes tempos de fortes recortes, desemprego e inxustizas, é máis necesario ca nunca o mantemento e a potenciación dos servizos públicos.

A nosa páxina web non permite colgar o Orzamento ao completo, se estades interesados/as podedes enviarnos un correo e mandámosvolo por correo electrónico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *