Plataforma da sanidade e BNG xuntos na defensa da sanidade pública galega

Este venres día 5 de abril, o BNG e a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Barbanza, reunímonos para acadar unha postura común na denfensa dunha sanidade pública, de calidade e universal e para saber os problemas máis graves polos que está pasando e, nomeadamente as eivas do Hospital da Barbanza.

Para este propósito, o portavoz nacional Xavier Vence, a responsable de política municipal Goretti Sanmartín, o responsable da organización Bieito Lobeira e a deputada no Congreso en Madrid Rosana Pérez así como membros do BNG da Barbanza estiveron durante máis de unha hora reunidos.

Na xuntanza falouse da posible eliminación das dietas que suporán un gasto ás familias dos e das pacientes (nalgúns casos chegan a 700€ ao mes, contía imposibles de asumir por unha familia). A isto súmaselle o repago sanitario, pago de transporte sanitario, etc que xa se está a aplicar, e que conleva gastos aos pacientes cada vez máis elevados.

Con respecto ao Hospital da Barbanza, incidiuse en que, xunto co hospital de Cee, son os únicos de Galiza que non teñen celadores mermando a calidade do servizo  e aumentando a carga de traballo para o persoal auxiliar de enfermaría. Ademais deste persoal, sería necesario aumentar o persoal de rehabilitación e de radioloxía para evitar as longas listaxes de agarda que se rexistran nestes servizos.

A grave falta de espazo nas Urxencias faise visible cada vez que hai períodos de maior afluencia como poden ser o verán co aumento da poboación ou o inverno por mor das gripes e outras infeccións.

Por último,  expúxose a imperiosa necesidade de colocar o laboratorio nunha sala maior, xa que o actual carece de espazo necesario para desempeñar toda a súa actividade nunhas condicións óptimas.

Esta xuntanza serviu para que o BNG saiba de primeira man as necesidades problemáticas que existen, demandaremos melloras necesarias para evitar un maior deterioro da sanidade pública e traballaremos coordinadamente coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, coa que houbo grande sintonía de traballo.

Máis fotos: Flickr BNG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *