Por un concello aberto e transparente á veciñanza

Vimos de presentar unha moción para que o Concello de Ribeira sexa unha institución aberta, transparente e próxima a todos os veciños e veciñas. Esta moción súamse á presentada o mes pasado, a Proposición-Regulamento-de-Participación-Cidadá. Isto responde a un traballo que estamos facendo para intentar que o concello sexa un organismo próximo á xente, onde a información relevante poida ser atopada sen dificultade, para loitar contra a corrupción e prestixiar a actividade política.

Coa moción de transparencia buscamos, que calquera persoa poida consultar información de interese dunha maneira áxil e sinxela, para facérmonos máis conscientes de onde se invisten os cartos, canto cobran os membros da corporación, etc evitando casos de opacidade que contribúen a casos de corrupción política e a unha desafección cara os nosos gobernantes.

Algunhas das cousas que demandamos son:

1. Publicación a través da páxina web das retribucións da corporación municipal, separando a dos membros do goberno dos restantes membros da Corporación e especificando a asignación a grupos municipais.

2. Publicitar na páxina web os acordos relevantes adoptados polos órganos da corporación, publicitando as actas das sesións de pleno e xunta de goberno local –excluíndo os datos persoais dos expedientes-. As obras e a súa información relevante (custe, data comezo e previsión da data de remate, empresa que a realiza, dirección de obra, etc). Orzamentos municipais especificando o de cada Concellaría. Publicación dos convenios, procesos de selección de persoal e os contratos, incluídos os menores, indicando o importe da adxudicación, a persoa ou empresa adxudicataria e o órgano que propón o contrato. Así como as subvencións e axudas asignadas a persoas físicas e xurídicas –omitindo os datos de carácter persoal-.

3. Creación dunha mediateca onde se poidan consultar os plenos mediante vídeo ou son.

4. Habilitar un apartado na páxina web para que os veciños e veciñas poidan facer suxestións e achegas, tanto ao goberno como aos diferentes partidos políticos que integran a corporación municipal.

5. Modificación do Regulamento Orgánico Municipal para a participación directa de veciños e veciñas nas sesións plenarias, e para poder presentar e defender iniciativas veciñais propias. Recollendo mecanismos para a posta en práctica dos orzamentos participativos que permitan que o investimento dunha parte do orzamento sexa decidido polos veciños e veciñas.

Como buscamos que esta sexa unha moción que conte co apoio social, non só dos outros partidos políticos, podedes facernos as achegas que vexades deixando un comentario ou enviándonos unha mensaxe na caixa de suxestións.

Podedes consultar a moción íntegra aquí: Moción sobre Transparencia municipal Ribeira

One Comment on “Por un concello aberto e transparente á veciñanza”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *