Xuntanza entre a Plataforma da Sanidade e o BNG

O 18 de decembro do 2012, membros do Bloque Nacionalista Galego da Barbanza, a deputada do BNG, Ana Pontón e membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública reunímonos para falarmos das problemáticas e das eivas que temos en materia de sanitaria na nosa comarca.

Un tema dos que se falou na xuntanza foi o problema da inexistencia d@s celadores/as no Hospital da Barbanza, o único de Galiza que non dispón deste tipo de persoal. Desde o BNG e a Plataforma da Sanidade levamos reiterando, desde hai anos, a necesidade de que se implantase este persoal  para dar un mellor servizo no centro hospitalario. Acaso non pagamos os mesmos impostos e non temos os mesmos dereitos ca outras zonas do noso país?

Por outra banda, a pesar das necesidades e eivas do Hospital, non se destinou nin un só euro nos Orzamentos, ás demandas de espazo, falta de persoal e á ampliación da zona de Urxencias, hoxe en día moi necesarias para mellorar e dar un bo servizo á poboación que atende o Hospital da Barbanza. Malia isto, o goberno do Partido Popular prefire destinar cartos á sanidade privada deixando de lado á sanidade pública.

Outro tema importante foi a paralización do Centro de Saúde Mental que contribuiría a dar un mellor servizo a este tipo de enferm@s tendo unhas dependencias modernas e un persoal especializado, así como contribuír á creación de postos de traballo no noso municipio.
Por último, falouse da Iniciativa Lexislativa Popular que o Partido Popular se negou a debater no Parlamento Galego botando por terra os milleiros de sinaturas para o mantemento dunha Sanidade Pública e Universal, mostrando un absoluto desleixo por protexer uns servizos fundamentais e que conforman os piares básicos do Estado do Benestar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *