Xuntanza con Stop Desahucios Barbanza

O venres 23 de novembro, membros do BNG mantivemos unha xuntanza con representantes da plataforma Stop Desahucios Barbanza. Nesta xuntanza de traballo, o BNG tivo a oportunidade de amosarlle o traballo desenvolvido até o de agora pola nosa formación política no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e tamén nos concellos. Para isto, contamos con Ana Pontón, deputada no Parlamento e con membros do BNG da comarca. Así mesmo, tivemos a oportunidade de escoitar o traballo que desenvolve este colectivo para defender o dereito a que a xente non perda a súa vivenda, as súas reivindicacións e diversas actuacións que están a levar a cabo.

Pola nosa banda, tivemos a oportunidade de amosarlles o traballo desenvolvido nas diferentes institucións como por exemplo as diversas iniciativas que se levaron ao Congreso para evitar desafiuzamentos e que foron rexeitadas polo PP e PSOE, ou que se faga un parque público de vivendas con todas as que están baleiras. Ademais amosámolles a moción que imos presentar en tódolos concellos da Barbanza para que este grave problema se debata a nivel local e se tomen medidas para evitarmos que a xente poida ficar sen vivenda. Este traballo tivo boa acollida entre os representantes do colectivo, ao cal nos ofrecemos para calquera necesidade que teñan e na que nós lles poidamos axudar. Por poñer un exemplo, o Concello de Rianxo, gobernado polo BNG vai pór en marcha; asesoramento legal, prescindir dos servizo de entidades que desafiúcen a algún veciño ou veciña, non prestar apoio da policía local para desaloxos, pedir a dación en pagamento, etc. Consulta a información completa aquí: Medidas do Concello de Rianxo ante os desafiuzamentos.

Queremos parabenizar á sociedade e, nomeadamente, a este colectivo porque está plantando cara ao problema e que grazas ao movemento social estanse evitando desafiuzamentos e, polo tanto, que moita xente fique sen casa.

Finalmente fixemos unha rolda de prensa onde se fixo un resumo do que se dixo e fixo na xuntanza.

MOCIÓN: Moción reforma lei hipotecaria e medidas desafiuzamentos

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *