O BNG co sector do mar

O Bloque Nacionalista Galego mantivo, este luns 8 de outubro, unha xuntanza cos representantes do sector do mar de Ribeira. Neste encontro, no que participaron, ademais de Bieito Lobeira, unha  representación do BNG de Ribeira, púxose de manifesto a nosa aposta por revitalizar a pesca e o marisqueo, por crear emprego e riqueza no mar, para o que porá en marcha medidas inseridas nunha orientación política propia, galega, non dependente nin obediente a directrices españolas e comunitarias que persisten na discriminación do sector pesqueiro galego coa finalidade de primar intereses foráneos.

O BNG considera moi negativo o balance en materia pesqueira do goberno de Feijoo, con políticas de acoso e derribo ao sector. Unha boa mostra disto e que a acuicultura, o desmantelamento de buques e a actividade nautico-deportiva foran, por esta orde, as actividades máis subvencionadas polo goberno do PP, en detrimento do sector produtivo. Isto trae consigo o seu continuo desmantelamento: neste curto período, causaron baixa 210 embarcacións pesqueiras, que supuxerona eliminación de 1.700 postos de traballo directos e uns 8.500 inducidos en terra (procesado, transformación, comercialización, estiba, transporte, cordelaría, reparacións, efectos navais etc.).

Cómpre aínda acrecentarmos a perda de 550 mariscadoras a pé, fronte á promesa inicial de elevar a 20.000 o número de traballadoras. A día de hoxe fican tan só 3.900, a cifra máis baixa da nosa historia, das que o 60% posúen rendas que non chegan ao Salario Mínimo Interprofesional. Ademais, unha nova ameaza pende, neste momento, sobre 24 buques cefalopodeiros galegos no caladoiro de Mauritania. “Estes datos son unha boa proba de que o Goberno do PP neste período non defendeu nin impulsou a pesca, o marisqueo nin a produción mexilloeira”, indicou o portavoz de pesca no Parlamento Galego.

“Fronte a sensación de derrota, pensamos que hai lugar para a esperanza” afirmou Lobeira. Apostou, entre outras cousas, polo saneamento da Ría para garantir a calidade das augas e por mellorar as canles de comercialización dos nosos produtos pesqueiros, identificando claramente a súa orixe. Tamén considerou fundamental exercer as competencias que ten a Xunta en augas interiores para adoptar medidas que favorezan ao sector e incrementalas en augas exteriores. Non é argumento o de que “non hai cartos”, dixo. “Esta Consellería vén de gastar 3 millóns de € en reportaxes publicitarias”, concluíu.
Outras problemáticas, como da falta de subvención da gasolina profesional, a regularización dasembarcacións ou a necesidade de aumentar as cotas pesqueiras, tamén foron tratados na xuntanza.

Vídeo no canal 27tv: Vídeo da xuntanza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *