Pleno de xuño 2012

O pasado luns 25, o BNG levou ó pleno unha moción relativa ás deficiencias da carpa do Mercado Muncipal e sobre as melloras que se lle poden facer para que a estancia dos praceiros e praceiras sexa o máis levadeira posible.

O BNG puido comprobar, reiteradas veces, como as queixas dos e das traballadoras do Mercado eran as mesmas; por unha banda as altas temperaturas que se acadaban no interior da carpa os días de calor por falta de ventilación e, por outra banda a falta de espazo e a falta de entedemento co concelleiro Vicente Mariño. Ante estas problemáticas o BNG presentou unha moción para que se lle dese solución. Malia isto, o goberno do PP só escoitou a nosa demanda sobre a ventilación sen facer caso ás outras reivindicacións dos preceiros e praceiras sobre as que o BNG lle demos conta.

Outro tema tratamos foi a problemática de milleiros de galegos e galegas coa estafa das participacións preferentes, da que, tras engadir unhas aportacións de IPdeR e do PP, conseguimos o apoio unánime de tódolos grupos. Deste xeito conseguimos que o Concello de Ribeira teña unha postura común e colabore para solucionar unha estafa que afecta a preto de 100.000 persoas.

Outra moción presentada polo BNG foi a dos privilexios da Igrexa Católica na exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) onde reclamamos ó Partido Popular que presione ó goberno do Estado e da Xunta para que estes privilexios se anulen e que paguen os impostos como fai calquera persoa, empresa e institución. Tamén propuxemos que namentres non se eliminen, que negocie coa Igrexa para que esta abone o que lle correspondería. Isto supoñería ingresar unha boa cantidade de diñeiro que tanta falta fai nestes tempos de crise.
Así e todo o alcalde dixo que, en caso de cobrarlle á Igrexa o IBI, el daríallo de subvención. Cabe lembrar que a Igrexa Católica recibe do Estado máis de 10.000 millóns de € (o mesmo que se recorta de Ensino e Sanidade) e as aportacións a Cáritas non chegan ó 3% do total.

Por último, solicitámoslle ó goberno municipal que fixese os trámites oportunos para mellorar a instalación do cableado que colgaba na fachada dun edificio situado na rúa Arousa.

Bótalle unha ollada ás mocións:

Moción deficiencias do mercado provisional

Moción participacións preferentes

Moción pagamento IBI Igrexa Católica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *