SOS SANIDADE PÚBLICA!

A Asemblea Local do BNG de Ribeira fai un chamamento á poboación diante do deterioro progresivo da atención sanitaria da Xunta de Galiza.

En Ribeira, temos que lembrar as carencias existentes no Hospital da Barbanza e o caso omiso que se fixo nos orzamentos da Xunta 2012 do acordo plenario, a iniciativa do BNG, polo que se aprobou por unanimidade “solicitar da Xunta de Galiza un novo Centro de saúde para Ribeira”.

Sendo competencia exclusiva da Xunta de Galiza, desde a toma de posesión do Goberno do PP presidido por Núñez Feixoo vimos comprobando un claro deterioro da atención sanitaria pública en Galiza.

O PP xa viña poñendo en práctica, coa escusa da crise, medidas privatizadoras da atención sanitaria que xa iniciara, antes da crise, noutras comunidades como Madrid ou Valencia.

No concello de Ribeira percibimos, claramente, as consecuencias dos continuos recortes en gasto sanitario: xa nos primeiros meses de goberno PP deixáronse de cubrir a baixas por vacacións ou enfermidade de persoal sanitario (médico e enfermería) nos centros sanitarios da comarca co conseguinte retardo e deterioro da calidade na atención.

Nos vindeiros orzamentos para o 2012 a Xunta anuncia novas medidas que, ao igual que a inmensa maioría do colectivo de sanitarios e pacientes, consideramos intolerables porque provocarán maior deterioro da asistencia sanitaria: foi o propio presidenta da Xunta quen anunciou a intención de cobrar por “servizos non sanitarios” (alimentación, lavandería…) nos hospitais galegos, o que suporá de feito a introdución do co-pago na nosa sanidade pública.

Outras medidas anunciadas deste tipo serán tamén o cobro de 10€ pola tramitación da tarxeta sanitaria, o bloqueo da tarxeta a parados de longa duración, ou aos emigrantes que non teñan máis de 183 días empadroados no noso país, o pago adiantado de próteses dos enfermos ou o pago por transporte en ambulancias, etc…

No caso da atención Primaria no concello de Ribeira, temos que lembrar o acordo plenario de 20 de decembro de 2010 no que, a proposta do BNG, se acordou por unanimidade “solicitar da Xunta de Galiza un novo Centro de saúde para Ribeira” dada a situación de saturación dos servizos que padece o actual. No orzamento para o 2012 non aparece ningunha partida para esta actuación pese á insistencia do BNG para incluíla.

A estas medidas regresivas no ámbito do SERGAS temos que engadir os non menos graves recortes (redución dun 14% a respecto de 2011) no ámbito da Asistencia e Prevención de Drogo-dependencias levadas a cabo a través de programas xestionados polos Concellos ou por Asociacións que veñen prestando un inestimable labor neste ámbito.

Desde o BNG de Ribeira queremos convidar á cidadanía a participar nas mobilizacións que promoven os diferentes colectivos cidadás de defensa da sanidade pública e a evitar a deterioración definitiva e irreversible da atención ao noso dereito máis básico: a saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *