EDAR de Ribeira: valoración sobre o anuncio feito pola Consellería

O anuncio da Estación Depuradora de Augas Residuais feito pola Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente non contempla a depuración dos verquidos industriais

O servizos técnicos da Consellería calificaron os sumidoiros de Ribeira de “autentico coador”

Que este anuncio sexa precisamente en época preelectoral induce a sospeitas. Que non conste ningunha partida económica para esta depuradora nos Orzamentos da Xunta case as confirma. Porque no apartado de inversións para o 2012 non figura nin un so euro para a depuradora de Ribeira. Poderían dicir (non o fixeron) que se vai facer con financiamento privado e iso, nos tempos que corren, tampouco é moita garantía.

Sobre o “anuncio” presentado hai que destacar o clamoroso esquecemento das augas do polígono de Xarás: máis da metade das augas residuais de Ribeira, as máis contaminadas e molestas, seguirán indo libremente á ría polo emisario do Touro que, disque, será reparado. Lembremos aquí que a proposta do BNG aprobada polo Pleno en 2007 incluía no segundo punto a solicitude dunha depuradora específica para o Polígono de Xarás.

Sobre os cheiros que envolven periodicamente diferentes lugares de Ribeira nada se contempla pese a ser coñecida a orixe en “certa empresa de Xarás que todos sabemos”. Para o BNG, e así o manifestamos ao Conselleiro, ningunha depuración será efectiva se as empresas non cumpren a normativa de vertidos, polo que as administracións deben velar por este cumprimento.

Quizais o único realmente “interesante” sexa o estudo técnico realizado e que nos mostra que a actual rede de sumidoiros de Ribeira é, en palabras dos propios técnicos da Xunta, “un auténtico coador”.

Desde o BNG estaremos atentos aos movementos que se produzan sobre este tema tan importante para Ribeira. Vixiaremos o cumprimento da normativa e seguiremos esixindo a eliminación dos cheiros e a depuración integral de TODAS as augas residuais que se verten á ría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *