Ribeira xa ten un goberno á medida… do Partido Popular.

Na sesión plenaria de organización da Corporación, o alcalde deixa claro que as cousas seguen como antes, fóra matices sen maior transcendencia. A designación de Tenentes de Alcalde con retribución nas responsables de “Infraestruturas e Urbanismo” (antes Obras) e de “Deportes e atención cidadá” (¡?) deixa, canto menos, varios interrogantes sobre a idoneidade, para Ribeira, de tales designacións.

Porque se ben se pode entender que o departamento de Urbanismo ten un peso innegable no organigrama e funcionamento do Concello, tamén nos podemos preguntar se o labor de Dolores Elorduy no anterior goberno merece este trato de continuidade.

Mais chocante resulta aínda o nomeamento, con dedicación exclusiva e, polo tanto, con soldo, do Concelleiro de “Deportes e atención cidadá”. Chocante porque a área de Deportes nunca tivo no noso concello tal grao de dedicación en lóxica correspondencia coa existencia de persoal técnico adscrito a esa área. A explicación, a preguntas do BNG, dada pola voceira do PP no Pleno, confirma as nosas sospeitas: a dedicación exclusiva xustifícase pola “moita actividade no eido deportivo” no noso concello (logo antes non?) e “ademais” pola nova tarefa de “atención cidadá”, que, segundo a voceira do PP, implicará a “atención ao público”.

Descartado pois que sexa a área de deportes merecedora de dedicación exclusiva, descubrimos a verdadeira intención deste nomeamento: centralizar o control da atención á cidadanía que, ademais de ser realizado polo persoal dos diferentes servizos municipais ou polo concelleiro da área que corresponda ou polo propio Alcalde como espera a cidadanía, pasa a ser remunerado, a maiores dos anteriores, con 31.593,44€/ano (2.256,67€/mes en 14 pagas). Necesidade operativa para un mellor funcionamento do Concello?

No BNG pensamos que non, que máis ben parece unha decisión tomada en base ás necesidades internas do grupo de goberno ou en compromisos previos da candidatura, ou… pero non en base ás necesidades dun mellor funcionamento da administración do nos concello. Por iso o BNG non apoiou ao goberno neste punto.

Na mesma sesión plenaria o Alcalde propuxo nomear dous postos de “confianza”: “secretaria de alcaldía” e “asesor de prensa de alcaldía”. No BNG non acreditamos na necesidade deste “asesor de prensa da alcaldía” que, pensamos, responde máis ao interese político da forza gobernante, o Partido Popular, que ás verdadeiras necesidades da cidadanía. Por iso votamos en contra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *