Preto de 500 persoas arrouparon ao BNG na Lonxa de Ribeira

Arredor de medio milleiro de persoas se achegaron na tarde de onte a darnos o seu apoio, o seu alento, a súa forza para afrontar o cambio de rumbo que Ribeira necesita. Porque nós presentámonos a estas eleccións coa firme vontade de capitanear este magnifico barco chamado Ribeira e trazar novos rumbos que nos leven a caladoiros de fartura e benestar para todos e todas.

Se a cidadanía de Ribeira me concede a inmensa honra de ser a primeira capitana deste buque, coa extraordinaria tripulación que me acompaña, enfiaremos o barco cara aos rumbos que nos temos marcado. O rumbo que nos levará aos caladoiros da creación de emprego e riqueza, da potenciación dos servizos públicos e da dotación das infraestruturas que Ribeira necesita.

Somos conscientes que temos que navegar con moita maruxía. Pero temos unha tripulación experimentada e capacitada para capear ben os temporais, para afrontar novos retos e para apostar por políticas innovadoras e transformadoras. Políticas que funcionan, como xa temos demostrado alí onde gobernamos. Aí tendes, por exemplo, Boiro, Cidade da Ciencia e a Innovación. A próxima ten que ser Ribeira!.

O goberno do BNG apostará polo polígono industrial da Barbanza e pola pesca, porque temos dereito a pescar e a vivir aquí do noso traballo. Tamén polo turismo con todas as súas potencialidades, entre elas a illa de Sálvora pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Parque Natural que supón un grande atractivo turístico e que atrae a máis de 300.000 persoas. Poremos en marcha un Plan Turístico, non só para incrementar o número de visitantes, senón para que se queden a pasar a noite ou a fin de semana, e mesmo volvan a pasar uns días coa familia ou amigos.

No eido das infraestruturas, queda moito por facer. Apostamos polo saneamento coa necesaria depuración de augas, o mercado, a lonxa, a circunvalación e a estación de autobuses.

Estes son algúns dos rumbos que nos temos marcado e os caladoiros nos que queremos pescar, se nos permitides a inmensa honra de capitanear este barco.

Neste momento está en xogo o futuro de Ribeira. O noso futuro. Podemos optar por máis do mesmo ou por dar un xiro de timón e enfiar novos rumbos que nos levarán aos caladoiros da creación de emprego e riqueza, da potenciación dos servizos públicos, e da dotación das infraestruturas que Ribeira necesita.

En definitiva, aos caladoiros da fartura e benestar para todos e todas. Aos caladoiros que nos permitiran vivir, traballar e disfrutar con dignidade no noso pobo.

Nova na Voz:
O BNG quere levar a Ribeira aos caladoiros da «fartura»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *