Xuntanza do BNG co sector pesquiro de Ribeira afectado polo recorte das cotas do lirio

Encontro do BNG co sector pesqueiro

Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, acudíu hoxe á xuntanza que o BNG mantivo cos representantes do sector pesqueiro afectado polo recorte de cotas do lirio. Á reunión tamén acudiron a Responsábel Comarcal da Barbanza, Dores Torrado, e a voceira municipal e candidata á alcaldía de Ribeira, Dominga Brión.

Ana Miranda presentou sendas iniciativas, diante da Comisión Europea e do Consello de Ministros para que modifique a proposta de recorte, realizando un tratamento xusto desta especie que non foi avaliada correctamente no noso caladoiro.

Máis información:

Os ministros de Pesca da Unión Europea adoptaron medidas sobre as condicións de pesca da nosa frota, nunha recente reunión para fixar os topes autorizados de captura e cotas para as diversas especies neste ano de 2011. Estas medidas poden conducir á inviabilidade e ao desmantelamento dunha parte moi importante do sector pesqueiro galego.

Os acordos foron tomados co voto favorábel do Goberno español que contou, en representación de Galiza e outras partes do Estado, coa Comunidade Autónoma de Extremadura. Unha vez máis, Galiza, potencia pesqueira en Europa, sen voz, sen voto nin veto para facer valer os seus intereses nos foros nos que se toman as decisións que nos afectan. E se este ano tocoulle a Extremadura a nosa representación, o ano pasado foi Castilla-León e o anterior Castilla-La Mancha, e sempre con consecuencias devastadoras para Galiza.

As cotas de captura de especies de maior interese para a frota pesqueira galega reciben, sen apoio dun estudo científico ou de razóns explícitas e fundamentadas, uns recortes absolutamente brutais. É o caso do lirio cunha redución do 93% a respecto do ano 2010, con 824 toneladas a repartir entre os 93 buques que compoñen o que queda da frota de arrastre litoral. Non estabelece diferenzas entre o Norte de Europa e o Sur, esquecendo de xeito intencionado que a inmensa maioría das capturas son realizadas por frotas do norte de Europa e destinadas a fariña de peixe.

No caso do Gran Sol, as reducións afectan ao rapante, á cigala e á rabada; e nas nosas augas ao xurelo e á xarda. E, en relación coa pescada, o incremento obtido é insuficiente, tendo en conta tanto a abundancia no noso litoral, a necesidade da nosa frota pesqueira, tanto de baixura como de arrastre litoral, e a vixencia do “Plano de recuperación da pescada”. Con isto vai ser difícil manter a viabilidade deste sector produtivo este ano de non adoptar medidas urxentes en defensa da frota galega. É posíbel que numerosos barcos pesqueiros teñan que amarrar ou optar polo seu despezamento, aparellando a perda de postos de traballo no mar e indirectos en terra, ademais da degradación das condicións de traballo.

Por outra parte, o Goberno galego incumpriu o acordo unánime do Parlamento de Galiza de setembro pasado, a iniciativa do BNG, relativo á posta en marcha de medidas urxentes para garantir a viabilidade da frota pesqueira galega, diante das restricións e prohibicións de capturas impostas pola Unión Europea. E tamén son decepcionantes as avaliacións do Goberno do Estado e o papel xogado polos seus representantes na reunión de ministros de Pesca da Unión Europea.

Resulta difícil comprender tanta capacidade de encaixe de decisións negativas para con Galiza e a asunción de tanta discriminación, procedan de Madrid ou de Bruxelas, que son a mellor proba da inacción que practica sen complexos o actual goberno do Partido Popular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *