Propoñemos medidas para a erradicación dos atropelos

Dominga Brión, Xosé Luís Groveiro e Ana Álvarez no Pleno de decembro de 2010

O BNG de Ribeira ven de presentar sendas iniciativas municipais, diante da Xunta de Goberno Local e diante do Pleno Municipal, polas que propón a adopción urxente dun Plan de actuación para localizar todos os puntos negros e tomar medidas inmediatas para á erradicación dos atropelos en Ribeira, tanto no casco urbano como nas estradas de todo o Concello. Entre eles: a estrada 550 ao seu paso por Oleiros, e ás entradas do casco urbano: Avdas. da Coruña, Ferrol e Malecón, demandando unha actuación especial na Rúa Canarias, en pleno casco urbano de Ribeira, para que se habilite un espazo para peóns en tanto non se dote de beirarrúas.

Tamén propón que entre as medidas a tomar, con dotación de beirarrúas onde falten, se valore especialmente a construción de pasos elevados, pola eficacia demostrada noutros concellos na erradicación de atropelos, e a dotación de semáforos dos que carece o casco urbano de Ribeira.

Máis información:

A problemática dos atropelos en Ribeira está sendo extremadamente dramática. Os datos son moi preocupantes pois estamos falando de arredor de 20 vítimas, algunhas delas graves, mesmo mortais, no que vai de ano.

Pese a iso, durante todo este tempo, o Goberno do PP non tomou ningún tipo de medida para paliar esta situación. Concretamente, e só por poñer un exemplo, para a estrada C-550 ao seu paso pola parroquia de Oleiros, en Salmón, onde se produciu o último atropelo o pasado domingo, o BNG ven reclamando dende fai varios anos a adopción de medidas que van dende a dotación de beirarrúas a ámbolos dous lados da estrada, ate o control da velocidade a que circulan os vehículos mediante a colocación de semáforos, radares fixos, etc. polo alto risco de accidentes e atropelos, xa que atravesa núcleos de poboación. A resposta que se nos deu en Pleno é que non era un punto negro e, polo tanto, non eran necesarias as medidas que nós propoñíamos.

Lamentamos que tivera que pasar tanto tempo, e que foran necesarias tantas vítimas para que o Goberno se dignara a cambiar de opinión aínda que só sexa para botar balóns fora e reclamar doutras administracións o que eles non son quen de facer en rúas da súa competencia no casco urbano, onde aconteceron a meirande parte dos atropelos.

Parécenos que é o momento de elaborar e por en marcha de maneira urxente un Plan de actuación que leve á localización dos puntos negros e á toma de medidas inmediatas para á erradicación dos atropelos en Ribeira, tanto no casco urbano como nas estradas de todo o Concello, especialmente ao seu paso por núcleos de poboación, dependan da administración que dependan xa que é o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, o que debe velar pola súa seguridade viaria, reclamando medidas tamén ante quen proceda.

Neste senso, as medidas que propón o Goberno para as estradas dependentes da Xunta: asfalto non esvaradío, sinais luminosos ou semáforos, poderían aplicarse tamén no propio casco urbano, onde habería que incluír algunha outra.

Concretamente a dotación de pasos elevados é unha medida que resultou ser moi efectiva noutros concellos, erradicando practicamente altos índices de atropelos existentes e favorecendo á accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida. Deben estar ben deseñados para que cumpran a súa función, sen ocasionar problemas aos vehículos.

A dotación de semáforos en zonas de moitos transeúntes podería ser tamén un sistema que ademais permita un mellor control do tráfico rodado, como por exemplo nalgúns puntos da Avda. do Malecón, da Avda. de Ferrol e da Avda. da Coruña.

Especial mención merece a Rúa Canarias, no centro urbano de Ribeira, que non conta con beirarrúas e en horas punta, coincidentes cos horarios de entrada e saída no Colexio O Grupo, o que acontece nesta rúa é de auténtica loucura. Neste caso concreto, en tanto non se dote de beirarrúas debe habilitarse un espazo para peóns antes de que teñamos que lamentar algún accidente.

Iniciativa municipal:
2010-12-29dotacion-de-medidas-contra-os-atropelos.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *