O BNG acusa á Xunta de Galiza de “falta de vontade política” para construir o Polígono Industrial da Barbanza

Ordenación do Polígono da Barbanza

Para a deputada do BNG, Ana Pontón, a Xunta está a amosar “unha grande irresponsabilidade” ao paralizar, durante máis de 16 meses, un polígono industrial cunha importante demanda empresarial e utiliza como “escusa” a clasificación do solo.

A deputada do BNG reclamou hoxe na Comisión de Industria, a través dunha Proposición non de lei, instar á Xunta de Galiza a retomar de “maneira inmediata a tramitación do solo empresarial previsto na comarca da Barbanza” nos concellos de A Pobra do Caramiñal e Ribeira, axilizando a tramitación administrativa e garantindo unha dotación orzamentaria para a operatividade do polígono no ano 2012.

O g.p do Partido popular rexeitou esta proposta, utilizando como “escusa” a necesidade de modificar a clasificación do solo ao que a deputada nacionalista respondeu que, no ano 2009 non se desenvolveu este polígono porque “a Xunta non quixo” e durante este ano tampouco se desenvolverá pola mesma razón e engadiu que “de terse feito a tramitación no seu momento”, na actualidade, o polígono industrial estaría a pleno rendemento.

Máis información:

Pola súa parte, o portavoz do PP, Pedro Arias presentou unha emenda ao texto nacionalista coa intención de modificar a clasificación do solo, a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos galegos, emenda rexeitada polo BNG por considerar que “o Partido popular leva ano e medio co plan sectorial aprazado” a pesar das moitas visitas realizadas polo director do Instituto de Vivenda e Solo á Comarca do Barbanza onde afirmou que comezarían as obras. Polo tanto, aseverou a deputada “non é un problema de clasificación de solo é falta de vontade política” que non se constrúa o polígono industrial do Barbanza.

Pontón asegurou que os pasos dados para a execución destes proxecto contou co apoio de toda a comarca, por entenderen que esta actuación ía solucionar os problemas do solo empresarial e incentivaría o asentamento de novas empresas ou o dimensionamento das existentes pero, unha vez máis a Xunta pon atrancos “converténdose nun tapón para a creación de emprego nesta zona” a pesar da demanda das empresas conserveiras de Ribeira e dunha empresa construtora de aeroxeradores.

Pontón pediu que o PP non siga “manipulando” e facendo “falsas promesas” cando en realidade nos orzamentos para o ano 2011 non existe ningunha consignación para a construción do polígono.

A iniciativa defendida pola deputada do BNG, foi rexeitada polo g.p do Partido popular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *