Demandamos que non se recorten os orzamentos de Educación da Xunta

Co silencio complice do goberno do PP de Ribeira, os orzamentos de Educación da Xunta sofren unha baixada dun 7%. Este recorte contrasta co dispendio que supón a reserva de 2 millóns de euros para cambiar os libros de texto de galego a castelán para o próximo curso

Por esta razón, o BNG presentou unha iniciativa municipal para reclamarlle á Xunta de Galiza que manteña as partidas das bolsas para o alumnado, cun importe como mínimo ao recollido nos orzamentos deste ano 2010.

Tamén reclama que as axudas para a xestión dos comedores escolares se manteñan e que se incorpore aos orzamentos da Xunta do 2011 os recursos suficientes para que as reparacións e mantemento dos centros públicos de ensino estea garantida.

Máis información:

Para garantir a calidade educativa do ensino público de Galiza é necesario que o investimento público garanta o acceso á mesma en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas. Esta premisa é aínda máis importante en época de crise xa que podemos ver acentuadas as diferencias entre as familias para poder manter un acceso igualitario á educación. Non obstante, para o vindeiro ano 2011 os orzamentos de Educación da Xunta de Galiza sofren unha baixada importante de case un 7% que afasta cada vez máis a Galiza de conseguir o obxectivo de aproximarse ao 6% do PIB.

O preocupante desta caída é que afecta de forma moi directa á partida de investimento, xa que existe unha redución drástica que pode chegar a poñer en perigo a conservación e mellora dos centros de ensino públicos. Asemade a redución é moi significativa en partidas que teñen como destinatario directo o alumnado. De feito as bolsas para aprendizaxe de idiomas sofren un recorte de máis do 35%, as bolsas para realizar prácticas en empresas de formación profesional máis dun 52% e as bolsas para o alumnado universitario preto do 50%.

Destacando tamén o elevado recorte que sofren as axudas as ANPAs para a xestión de comedores escolares que chega a un 35%. Esta redución pode implicar que en moitos centros o servizo de comedor chegue a estar en perigo.

Non obstante, e como mostra da liña política que segue o PP na Xunta de Galiza, a mesma Consellaría reserva 2 millóns de euros para cambiar os libros de texto de galego a castelán para o próximo curso.

Iniciativa municipal:
2010-11-10-investimentos-educacion-2011.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *