Logramos o apoio unánime do Pleno á rebaixa da gasolina profesional

A iniciativa do BNG reclamando que se adopten as medidas precisas para posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustíbel logrou o apoio maioritario da Corporación Ribeirense no pasado Pleno celebrado o luns, día 26 de xullo. Os acordos que se aprobaron foron os seguintes:

1. Instar á Xunta de Galiza a adoptar as medidas precisas para posibilitar a aplicación práctica da legalidade vixente a fin de acadar a consideración real da gasolina como combustíbel profesional e, deste xeito, posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustible no noso Concello.

2. Solicitar a posta en marcha dun programa de instalación de depósitos e surtidores de gasolina nos portos galegos, no que se inclúan os de Ribeira, que permita a subministración de gasolina ás embarcacións coas exencións fiscais previstas na lei.

3. Que o goberno municipal estableza, con estes obxectivos, negociacións entre a Consellaría do Mar, empresas subministradoras, Ente Público Portos de Galiza, e representantes do sector pesqueiro de baixura artesanal de Ribeira.

Agardamos que a medida chegue a bo porto e non quede nunha mera declaración de intencións, xa que só en Ribeira a rebaixa do 50% nos prezos do combustíbel afectaría a unhas 400 embarcacions (800 en toda a comarca). Se temos en conta que en cada unha están enroladas unha media de 2 persoas, este importante aforro nos gastos de explotación afectaría á economía de moitas familias.

Cuestión de supervivencia

A situación de crise actual supuxo unha importante baixada dos prezos en primeira venda (en lonxa). A redución dos custos de explotación é, pois, unha cuestión de supervivencia. No pasado ano déronse de baixa, só no noso concello, 72 embarcacións. Isto supuxo unha importante perda de postos de traballo directos, cos indirectos que conleva.

A rebaixa do prezo da gasolina empezouse a aplicar no porto da Coruña en marzo deste ano, grazas a insistencia do sector que contou co apoio do BNG. Agardamos que este acordo plenario poida ser un paso adiante para que esta medida se efectivice tamén no porto de Ribeira e no resto dos portos da comarca e do País.

Máis información…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *