Reclamamos que se acondicione o entorno do colexio de Carreira

O BNG reclama en Pleno que o Goberno Municipal proceda a arranxar o peche exterior do CEP Carreira e a dotar de beirarrúas os accesos ao colexio.

Tamén demanda a colocación dos contedores de lixo necesarios para a realización correcta da recollida selectiva, a dotación dunha marquesiña no exterior do centro, así como a colocación da sinalización viaria pertinente.

O CEP Carreira conta con numerosas deficiencias nos seus arredores, así o veñen denunciando os usuarios do mesmo. Son moitas as queixas que chegaron a mans do BNG con respecto a este tema, así podemos falar do peche do recinto, carencia de papeleiras e dunha marquesiña, non existencia de beirarrúas, etc.

Con respecto ao acceso a este centro cabe sinalar a non existencia de beirarrúas que comuniquen o centro coa estrada que une Vilar-Cruce, por onde os nenos e nenas residentes no Vilar, en Frións, na Mamoa ou no propio Cruce poidan circular sen temor a ser atropelados. Asemade sería de interese que se colocara algún tipo de sinalización viaria, horizontal ou vertical, que indique aos vehículos que se debe reducir a velocidade pola presenza de nenos e nenas nas proximidades.

Xa fai tempo que o BNG e os usuarios/as deste colexio están a demandar a colocación dunha marquesiña á beira do recinto onde os nenos/as poidan resgardarse.

De igual xeito, esta instalación educativa non conta co suficiente número de contedores para a recollida selectiva do lixo.

Cando está a piques de rematar este curso escolar, consideramos que é o momento de que o Grupo de Goberno do Concello de Ribeira se poña a traballar para dar solución a estas carencias, así atendería as unhas demandas da veciñanza que son prioritarias e urxentes e que ademais non deberían ter unha difícil solución nin suporían un grande esforzo de custo para as arcas do municipio.

Iniciativa Municipal:
2010-07-13-entorno-ceip-carreira.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *