Reclamámos que se adopten as medidas precisas para rebaixar os prezos da gasolina profesional

O BNG ven de presentar iniciativas no Parlamento Galego e nos concellos da comarca para reclamar que se adopten as medidas precisas para posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustíbel. Os acordos que se solicitan son os seguintes:

1.Que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a adoptar as medidas precisas para posibilitar a aplicación práctica da legalidade vixente a fin de acadar a consideración real da gasolina como combustíbel profesional e, deste xeito, posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustible no noso Concello.

2.Que se solicite a posta en marcha dun programa de instalación de depósitos e surtidores de gasolina nos portos galegos, no que se inclúan os de Ribeira, que permita a subministración de gasolina ás embarcacións coas exencións fiscais previstas na lei.

3.Que o goberno municipal estableza, con estes obxectivos, negociacións entre a Consellaría do Mar, empresas subministradoras, Ente Público Portos de Galiza, e representantes do sector pesqueiro de baixura de Ribeira.

A exención de impostos sobre a gasolina é un dereito que se contempla no artigo 51.2 de Lei 38/1992, de 28 de decembro, de Impostos Especiais. Neste artigo establécese a exención do imposto sobre Hidrocarburos para todos os produtos incluídos no seu ámbito obxectivo, sen distinción, que se destinen a utilización como carburante, incluída a pesca, con excepción da navegación privada de recreo.

Neste senso, hai que lembrar que o sector pesqueiro que utiliza gasolina leva moitos anos demandando o mesmo trato que se lle outorga ao gasóleo, exento de impostos para a flota que usa ese carburante.

No noso Concello aproximadamente 400 embarcacións pertencentes ás confrarías de Riberia, Aguiño e Palmeira utilizan a gasolina como carburante. Este combustíbel, a diferenza do gasóleo, aínda contando cun tratamento fiscal específico na lexislación vixente, segue sen posuír, non só nos nosos portos, senón en todos os galegos (agás o da Coruña), un tratamento real como combustíbel profesional.

Esta marxinación obxectiva é especialmente grave nun contexto de crise económica como a que se está a padecer, tamén no sector pesqueiro, no que ademais hai tempo que se está a producir unha suba xeralizada do prezo dos combustíbeis.

Compre, pois, articular as medidas precisas tendentes a aplicar na práctica a minoración do prezo da gasolina nas embarcacións pesqueiras, a través dun mesmo tratamento fiscal, execución do imposto de hidrocarburos, que o gasóleo profesional. En xuño de 2010 un litro de gasolina custa de media 1,20 €. O prezo do litro de gasóleo pesqueiro, aplicada a exención, é de 0, 51 €. A diferenza é considerábel.

Sen embargo, a experiencia levada a cabo polo sector de baixura do porto da Coruña demostra que é posíbel reducir o prezo da gasolina practicamente á metade de existir vontade política. Así, as xestión emprendidas permiten, só neste porto, o subministro de gasolina considerada como combustíbel profesional.

Esta experiencia debe ser trasladada aos portos de Ribeira polo ben e o futuro do noso sector de baixura. Non é aceptábel que existindo a posibilidade de rebaixar substancialmente os prezos dos combustíbeis pola vía legal, non se adopte ningunha medida ao respecto por falta de iniciativa institucional e vontade política tanto da Xunta de Galiza como do propio Concello.

Iniciativa Municipal:
2010-06-17-exencions-fiscais-gasolina.pdf

Iniciativa Parlamentar:
2010-06-07-pnlp-adopcion-medidas-gasolina-a-frota.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *