O BNG informa sobre o POL ao sector da contrución da Barbanza

O BNG informa sobre POL no CECB

PERPLEXIDADE NO SECTOR DIANTE DO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL

Tereixa Táboas, deputada, portavoz do BNG na Comisión parlamentaria de seguimento do POL e Conselleira de Vivenda e Solo na anterior lexislatura e Dominga Brión informaron no Centro Empresarial da Construción da Barbanza (CECB) sobre o Plan de Ordenación do Litoral.

A deputada do BNG detallou as múltiples eivas que contempla o Plan presentado pola Xunta para consulta aos concellos: entre elas, a non elaboración previa dunhas “directrices de Ordenación do Territorio”, así como a falla dunha memoria económica de acompañamento.

Tereixa Táboas afirmou que aínda que desde a Xunta din que o POL non clasifica nin cualifica o solo, de feito si o fai ao ter carácter municipalista e prevalecer sobre o actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. Tamén afirmou que, tal como está prantexado, o POL presenta serias dúbidas de legalidade e incorre en “responsabilidade patrimonial” ao restrinxir os usos do chan urbano e de núcleo rural establecidos no actual PXOM de Ribeira.

Dominga Brión, pola súa parte, detallou a afección do POL no caso concreto do Concello de Ribeira. No noso concello está gravemente afectado por este Plan máis do 75% do chan municipal. Este Plan afecta gravemente a numerosas vivendas tanto no casco urbano de Ribeira, como en todas as parroquias, agás Oleiros. En total afecta a 3.337.202 m2 dos 5.962.574 m2 de chan urbano existentes, o que se corresponde co 56% do chan urbano municipal. Con respecto ao chan de núcleo rural, afecta a 3.597.684 m2 dos 5.713.593 m2 de superficie segundo o PXOM, o que representa o 63% do chan de núcleo rural municipal.

As persoas asistentes, representantes de pequenas e medianas empresas do sector da construción da comarca, expresaron a súa “perplexidade” diante deste Plan que “elimina gran parte do chan municipal apto para uso residencial” e que, polo tanto, afecta moi gravemente ao sector. “Se na oposición criticaron a Lei dos 500 metros, como poden agora presentar isto?”

Dominga Brión dixo que o BNG pedirá a retirada deste POL e que “en todo caso” o Plan definitivo debe “respectar as áreas urbanas e de núcleo rural do actual PXOM así como as ampliacións previstas na revisión que se está levando a cabo”.

A Voceira Municipal do BNG adiantou que “volveremos a informar á cidadanía no momento en que o POL saia á exposición pública” Será entón (probablemente no verán) o momento de presentar as correspondentes alegacións.

Máis información:
O Plan de Ordenación do Litoral afecta ao 75% de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *