Reclamamos a modernización das tubaxes de canalización de auga potábel

O BNG presentou iniciativas diante do goberno do PP de Ribeira para que elabore un Plan de substitución de tubaxes de canalización de auga potable fabricadas en fibrocemento por outras de materiais máis resistentes e menos contaminantes que abrangue todo o territorio do concello.

Tamén solicitou que, de xeito inmediato, se tomen as medidadas oportunas para que se substitúan as canalizacións de auga potable nas zonas de Frións-Cubeliños e da Costa da Mámoa-Cruce do Vilar.

A preocupación dun concello moderno debe estar no mantemento e arranxo das infraestruturas básicas e substituílas se fose preciso. Entre estas dotacións están a do subministro de auga potable.

A rúa que une Frións coas Abesadas pasa polo entorno de Cubeliños. Nesta zona hai numerosas vivenda unifamiliares así como vivendas adosadas de recente construción. Nesta zona son numerosas as roturas de tubaxes do subministro de auga, o que deixa sen un servizo básico á veciñanza da contorna. Esta cuestión non é un caso puntual xa que no último ano houbo máis dunha ducia de roturas que deixan sen subministro a varios centos de veciños e veciñas.

Algo semellante ocorre noutras partes do concello, como pode ser na estrada que vai da Mámoa ao cruce do Vilar onde as roturas son case que semanais. A razón desta reincidencia na rotura está no material co que están fabricadas as canalizacións. Son dun material xa non usado para esta finalidade: fibrocemento.

Esta é unha situación lamentable nun concello como é o de Ribeira que debería poñer fin a estas deficiencias acometendo unha obra que permita substituír estas canalizacións por outras que non requiran tanto mantemento.

Iniciativa municipal:
2010-02-12-substitucion-de-canalizacions-de-fibrocemento.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *