Demandamos unha circunvalación para Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa para demandarlle ao Goberno Municipal do PP que inicie as actuacións oportunas para dotar a Ribeira dunha circunvalación dende a autovía até o peirao.

Ribeira precisa dotarse de todas as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento económico e social; deste xeito crearase emprego e riqueza, e mellorarase a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, algo moi importante en momentos de crise coma os que estamos padecendo.

É prioritario para o noso Concello tanto diversificar a súa economía, como apoiar a un sector estratéxico para nós como é o complexo mariño-industrial; polo tanto, a creación de infraestructuras que propicien a potenciación do noso porto pesqueiro e comercial debe ser unha das prioridades que a administración local debe xestionar: a dotación dun plan de usos do porto, dunha nova e moderna lonxa, de diversos servizos para a frota de baixura e demais usuarios/as das instalacións portuarias, sen esquecer un servicio de vixilancia no porto son, entre outras, necesidades que se deben demandar con urxencia.

Neste senso, consideramos que xestionar a construción dunha circunvalación para Ribeira dende a autovía ata o porto é unha obriga que non debe demorar por máis tempo o goberno deste Concello. A que existe trazada como tal no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) pasa polo medio de Abesadas. Polo tanto, valería como unha gran avenida pero non como circunvalación. Non se debe facer unha circunvalación polo medio do casco urbano. Agora que está o PXOM en revisión é o momento de dar os pasos necesarios para incorporar ao mesmo un novo trazado.

Ademais de potenciar o noso peirao, con esta infraestrutura faríase máis fluído o tráfico no casco urbano de Ribeira, que en horas punta e os sábados pola mañá resulta tremendamente dificultoso, converténdose na tempada estival en misión francamente imposíbel.

Iniciativa Municipal:
2010-04-16-circunvalacion-para-ribeira.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *