O Plan de Ordenación do Litoral afecta ao 75% de Ribeira

Plan de Ordenación do Litoral en Ribeira

O BNG de Ribeira rexeita o actual Plan de Ordenación do Litoral (POL) presentado polo goberno do PP da Xunta, e lamenta que o goberno do PP de Ribeira non informara á cidadanía afectada, xa que este documento inclúe no seu ámbito aproximadamente 52 Km2 dos 69 Km2 de superficie total do municipio, o que supón máis do 75% do concello.

Por esta razón, o BNG solicitou que se refaga de novo de tal xeito que respecte o actual PXOM, permita as ampliacións necesarias na revisión que se está efectuando do mesmo, tanto de chan urbano como de núcleo rural e reduza, onde sexa posíbel, a protección de corredor.

O goberno do PP está tramitando o Plan de Ordenación do Litoral que vai a fixar as directrices para a ordenación territorial dos municipios costeiros de Galiza e a propiciar a ordenación a gran escala dos usos do solo. Trátase dun documento moi importante, pois as súas determinacións terán forza vinculante e prevalecerán sobre as establecidas no planeamento municipal, que deberá ser obxecto de adaptación.

O POL afecta a chans situados a unha distancia da costa de ata 3.000 m, superando con moito o actual límite cautelado de 500 m pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia. Neste momento atópase en fase de consultas aos Concellos aos que foi remitido con data 25 de xaneiro de 2010, durante o prazo de dous meses, prorrogado por un mes máis, que remata o 3 de maio de 2010, para a emisión do correspondente informe.

Este Plan afecta en Ribeira gravemente a numerosas vivendas tanto no casco urbano, como en todas as parroquias, agás Oleiros. En total afecta a 3.337.202 m2 dos 5.962.574 m2 de chan urbano existentes, o que se corresponde co 56% do chan urbano municipal. Con respecto ao chan de núcleo rural, afecta a 3.597.684 m2 dos 5.713.593 m2 de superficie segundo o PXOM, o que representa o 63% do chan de núcleo rural municipal.

Cabe lembrar que a clasificación dun chan como urbano é un acto regulado, establecido por lei. Se o POL cambia a súa regulación establecendo a prohibición do uso edificatorio, pódese incorrer en responsabilidade patrimonial ao lesionarse ou limitarse dereitos adquiridos polos propietari@s.

Calendario de actos informativos:

Dende o BNG lamentamos que ante unha afectación de tal calado o goberno do PP de Ribeira non tivera a ben informar á cidadanía desta situación. Por esta razón está realizando actos informativos por todas as parroquias do Concello. Xa se realizaron en Aguiño, Castiñeiras, Ribeira, Palmeira e Carreira. Na vindeira semana os actos informativos realizaranse nas seguintes parroquias: o luns, 3 de maio, en Artes, no Centro Recreativo ás 20,30 horas; o martes, día 4, en Corrubedo na Casa do Mar, ás 20,30 horas; e o Mércores, día 5 en Olveira, no Bar O Rueiro, ás 20,30 horas.

Máis información:

Toda a información a respecto deste documento se pode descargar dende esta páxina:
Plan de Ordenación do Litoral

Premendo nas seguintes imaxes pódese ver a afección en cada unha das parroquias. O chan urbano aparece delimitado pola liña de cor lila e o de núcleo rural pola de cor vermello. A parte deste solo que aparece raiada está afectado polo POL.

Aguiño

Artes

Carreira

Castiñeiras

Corrubedo

Olveira

Palmeira

Ribeira

Unha reflexión sobre “O Plan de Ordenación do Litoral afecta ao 75% de Ribeira

  1. Pingback: O BNG informa sobre o POL ao sector da contrución da Barbanza | BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *