Reclamamos no Parlamento a mellora do transporte escolar en Ribeira

As deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán veñen de presentar unha iniciativa parlamentar interesandose pola mellora do transporte escolar en Ribeira.

O BNG ven demandando reiteradamente melloras no transporte escolar no concello de Ribeira, especialmente no referente ao ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos de FP: alumnado non recollido nas súas paradas, nenos e nenas viaxando de pé ou percorrendo longas distancias por unha mala disposición das paradas…son algunhas das múltiples deficiencias do transporte escolar que se suceden nos IES de Ribeira desde hai moitos anos.

As ANPAS dos centros públicos sábeno ben pois téñeno denunciado en moitas ocasións. A principal causa desta situación vén dada porque o transporte escolar, en Ribeira, faise segundo a modalidade C de contrato, é dicir, en transporte regular, que non require das medidas de seguridade propias do transporte de alumnado menor de idade e que si cumpre a modalidade A de contrato que é a propiamente escolar.

Agora as deputadas Ana Pontón e Carme Adán preguntan no Parlamento Galego

1) Como valora o Goberno Galego a situación do transporte escolar en Ribeira?

2) Ten previsto a Xunta de Galiza instaurar a modalidade A?

3) En que prazos se prevé que se instaure esta modalidade?

Hai que saber que Ribeira é un dos poucos concellos do noso país con esta modalidade de contrato, máis propia das cidades onde as máis frecuentes liñas regulares permiten atender a demanda escolar de forma razoable: non é o caso de Ribeira.

O BNG de Ribeira propuxo, en outubro de 2009, no Pleno do Concello, que o Goberno Municipal pedise á Consellería de Educación da Xunta de Galicia estas melloras no transporte escolar. Incomprensiblemente o PP rexeitou reclamar, agora que están no Goberno da Xunta, melloras que antes reclamaban estando na oposición. Non se entende que un goberno municipal, que debe ter como primeiro interese a defensa da mellora das condición dos servizos dos seus veciños, consinta esta discriminación que padece o alumnado de Ribeira.

Temos que saber que o transporte escolar, na modalidade A, permite que, se hai prazas libres, poida viaxar gratuitamente o alumnado de Bacharelato, Ciclos e PCPI que hoxe ten que pagar por un transporte que en case todos os concellos do Pais teñen de balde. Tamén que, co servizo Tes+Bus, de transporte compartido, o transporte escolar pode ser utilizado pola poboación non especificamente escolar, como tamén acontece en moitos outros concellos… nos que hai un goberno municipal que defende os seus intereses.

O BNG seguirá esixindo a igualdade de trato do noso alumnado e a fin desta discriminación que sofre Ribeira e a implantación da modalidade A de transporte escolar: porque é unha mellora que nos igualará co resto do alumnado do noso país.

2 reflexións sobre “Reclamamos no Parlamento a mellora do transporte escolar en Ribeira

  1. carmen

    Boas,
    Menos mal. Semella que acabo de enterarme dunha parte importante do problema. Non era capaz de entender que pasaba co transporte e as solicitudes de xornada de mañá.
    A ver que pasa!
    Estaría ben publicitalo.
    Ben!!

    Responder
  2. manuel

    para cando o presidente do mercantil e o presidente fundador do liceo maritimo teran unha rua adicada, e que non e mais importante para o povo un hombre que crea unha sociedade para mariñeiros e xente sin posibles e xubilados,que ir buscar un bo nome o oitro lado do atlantico, quen defenera a esta xente valiosa xa desaparecida, bo fin de seman

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *