Desbotada a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza

O goberno do PP da Xunta de Galiza ven de confirmar que desbota a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza, pese a que adxudicaron eles mesmos as obras de maneira definitiva en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, e un prazo de execución de 13,5 meses.

En resposta parlamentar ás deputadas do BNG Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, a Xunta considera que “a obra non pode ser executada”, que “a asistencia á poboación na área sanitaria de Ribeira está plenamente atendida” e que “se estudarán no futuro outras posibilidades” tendo en conta “a necesidade conxunta doutros centros na nosa Comunidade”.

Esta resposta deixa en evidencia a nula intención deste Goberno de levar adiante unha obra que fora presupostada e licitada polo anterior Goberno da Xunta pero ADXUDICADA polo goberno actual que preferiu indemnizar á empresa adxudicataria e deixar así á nosa comarca sen este necesario Servizo público.

Temos que denunciar moi especialmente a postura covarde e trapalleira do actual Grupo de Goberno Municipal que, defendendo quen sabe que intereses, rexeitou, no Pleno Municipal de xaneiro, unha iniciativa do BNG que instaba “á Xunta de Galiza á inmediata construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza.”

Deste xeito tamén queda en evidencia o Goberno Municipal do PP que, logo de non facer nada por poñer a disposición os terreos para a construción do Centro (boicoteándoo de feito), pasou, sen rubor, a responsabilidade á Comunidade de Montes de Oleiros! Agora, a resposta da Xunta demostra que esta considera que os enfermos con trastornos psiquiátricos e trastornos aditivos “están ben atendidos na actual Unidade de Condutas Aditivas (UAD) de Ribeira” deixando “para o futuro” o que é unha vella necesidade da sociedade ribeirense e da nosa comarca.

Iniciativa Parlamentar e máis información…

Resposta do Goberno do PP da Xunta:
resposta-centro-saude-mental.PDF

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *