Táboas confirmou en Ribeira que o Polígono da Barbanza está paralizado

Encontro co empresariado

No encontro co empresariado de Ribeira, Teresa Táboas, deputada do BNG no Parlamento Galego e Conselleira de Vivenda e Solo na anterior lexislatura, confirmou que o actual goberno do PP da Xunta, no seu primeiro ano de xestión, non avanzou nin un só trámite para facer realidade este macropolígono, pese a necesidade de chan industrial que especialmente Ribeira padece.

A deputada nacionalista indicou que foi o BNG quen, en outubro do 2005, evidenciou a necesidade de chan industrial na comarca. Un estudo de viabilidade feito pola Consellaría demostrou que os datos que manexaba o BNG eran acertados polo que se puxo en marcha todo o proceso. Fixo fincapé en que este parque non figuraba no Plan sectorial do ano 2004, polo que toda a tramitación tivo un proceso máis longo.

Teresa Táboas expuxo polo miúdo toda a xestión levada a cabo en relación con este polígono, indicando que a última actuación feita data de 16 de abril de 2009 (xa co goberno en funcións), momento no que se iniciou o proceso de Avaliación de Impacto Ambiental para o Proxecto Sectorial do Parque.

Pola súa banda, a voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, lembrou que a corporación municipal aprobou unha iniciativa do BNG na que se demandaba instar á Xunta de Galiza a que de forma urxente retome este proxecto para que o Parque Empresarial da Barbanza, sexa unha realidade o antes posíbel.

Con todo, ámbalas dúas representantes nacionalistas amosaron a súa preocupación polo punto morto no que se atopa o proxecto do Polígono e o retraso que supón incluílo no novo Plan sectorial de solo empresarial de Galiza 2012-2015, pois, lembraron, estaba previsto a licitación das obras no 2009. Todos os presentes coincidiron en que a situación de crise actual, lonxe de motivar o retraso desta infraestrutura, é razón máis que sobrada para aceleralo. Nomeadamente no tocante á construción de naves modulares en aluguer que prevé o proxecto.

Para rematar, recalcaron a necesidade de xuntar esforzos para que este proxecto, tan necesario nunha comarca dinámica e puxante como a da Barbanza, sexa unha realidade antes das datas marcadas.

A reunión, ademáis dos presidentes das Asociacións de empresarios de Ribeira e Pobra, tamén asistiron representantes do Centro Empresarial da Construción do Barbanza, da Asociación de Armadores de Ribeira, representantes de diferentes empresas de Ribeira e comarca, así como concelleiros e concelleiras do BNG.

Máis información:
- Proxecto Sectorial Parque Empresarial da Barbanza de Ribeira e Pobra
- Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galiza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *