ENCONTRO CO EMPRESARIADO DE RIBEIRA

Teresa Táboas con Dominga Brión e Rosana Pérez o 25 de outubro do 2005 na entrevista que puxo en marcha o proxecto do Polígono Empresarial da Barbanza

O vindeiro martes, día 6 de abril, ás 21:00 horas o BNG reunirase, na sede da Asociación de Empresarios de Ribeira con todas aquelas persoas interesadas en que se impulse a construción do Parque Empresarial da Barbanza. A este encontro acudirá, xunto a outros representantes do BNG, Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo no anterior goberno da Xunta e actualmente deputada do BNG no Parlamento Galego.

Como é sabido, o Bloque Nacionalista Galego cando tivo a responsabilidade de planificar o solo empresarial do país no anterior goberno da Xunta de Galicia, estableceu coma un dos piares básicos no que sustentar o tecido empresarial da Galiza a construción dun gran Parque Empresarial na Comarca da Barbanza por ser esta unha das áreas de maior dinamismo económico e polo tanto cunha grande demanda de espazos produtivos para xerar emprego e riqueza.

Comezáronse así os proxectos precisos previos a execución de tan importante infraestrutura. Redactouse o Plan Sectorial e iniciáronse as tramitacións administrativas co fin de acadar os informes sectoriais pertinentes. Para o BNG este gran espazo foi e é a grande aposta pola Barbanza.

Fixémolo dende o goberno da Xunta e farémolo a través do control parlamentario dende a oposición co fin único, agora máis que nunca, de implementar desde a administración pública espazos para os emprendedores, ofertando ferramentas que permitan desenvolver unha economía produtiva, e poder saír da fonda crise que asolaga o noso país, apostando polo emprego.

Agardamos contar coa participación e co apoio de todo o tecido social de Ribeira e da comarca neste importante reto: impulsar a construción desta infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento de Ribeira e da Barbanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *